A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol celebra unha xornada no marco do proxecto Nós mariñeir@s, cofinanciado pola Consellería do Mar

Entre os obxectivos desta iniciativa tamén está a revalorización dos produtos pesqueiros e marisqueiros da zona como piares da gastronomía local con especial atención á recentemente recuperada zamburiña negra.

Marta Villaverde e Martina Aneiros visitando a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol. Foto-Xunta

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, asistiu este xoves á xornada celebrada na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol no marco do proxecto Nós mariñeir@s, unha iniciativa, cofinanciada xunto co Concello de Ferrol, ao abeiro das axudas autonómicas para o desenvolvemento de accións que persigan os obxectivos das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).

Alí, explicou que tanto estas estratexias, desenvolvidas a través de oito Grupos de Acción Local Participativa (Galp), como estes centros de formación son dous dos piares máis relevantes nos que se sustenta a actuación da Consellería do Mar. A directora, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo en valor o papel das escolas náuticas no seu papel de canle aberta da actividade pesqueira coa sociedade, formando e capacitando cada curso a decenas de novos profesionais que encarnan o futuro dunha actividade estratéxica para a comunidade. Unha actividade docente que fixo posible unha maior incorporación da muller ás actividades pesqueiras especialmente masculinizadas, avanzando así cara unha sociedade máis igualitaria.

Tamén resaltou o estreito e histórico vínculo da sociedade galega co mar e plasmada nun rico patrimonio material e inmaterial que débese conservar e valorizar como un atractivo máis sobre o cal desenvolver novas actividades económicas que permitan dinamizar as zonas costeiras. Así, o proxecto iniciado o ano pasado pretende asentar a memoria marítimo-pesqueira no territorio e dar valor ao produto pesqueiro e marisqueiro local, ademais de difundir a cultura mariñeira entre a poboación en xeral, con especial atención á infancia e mocidade.

Foto-Xunta

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, resaltou a relevancia da Escola Náutico Pesqueira de Ferrol, “un referente na formación especializada no ámbito marítimo-pesqueiro de Galicia” e puxo en valor a súa oferta formativa “de calidade, orientada á inserción laboral e conectada co sector e coa realidade do territorio”.

Durante a súa intervención, Aneiros reivindicou a importancia da colaboración entre administracións “para desenvolvemento sostible e con futuro do litoral galego” e concluíu felicitando ao centro polo seu 50 aniversario, resaltando a súa contribución “ao crecemento de Ferrolterra e de toda Galicia, e sendo parte fundamental da identidade mariñeira da zona”.

Este proxecto, promovido polo Concello de Ferrol, está composto de diversas actividades que pretenden reforzar a imaxe e divulgar o patrimonio mariñeiro do Ferrol Vello, espazo declarado Ben de Interese Cultural, ademais de favorecer a conexión da poboación co mundo do mar, a súa idiosincrasia e tradicións culturais.

Nesta liña, tamén pretende contribuír a desestacionalizar o turismo no municipio potenciando a hostalaría e difundindo receitas con produtos da zona, con especial atención a variedades singulares como a recentemente recuperada «zamburiña negra».

Lea también

El Casino Ferrolano celebra su doble aniversario con el estreno de su himno oficial

Con motivo de la doble efeméride de gran significado para la ciudad de Ferrol —el …