A Feira da Plantación de San Sadurniño volve bater a súa marca de postos inscritos

72 ese é o número de postos que este domingo 27 se reunirán a un e outro lado dos sendeiros do arboreto da Cortiña, á beira do Xubia, dentro da 28ª edición da Feira da Plantación de San Sadurniño.

Fuente Concello San Sadurniño

Un evento máis que consolidado que, deste xeito, volve superar a súa propia marca de participación -en 2024 foron 67-. E un evento, ademais, que volverá ser escaparate comarcal da primavera, mostrando flor e planta para xardíns, árbores, pés en verde para morteiros e todo o necesario para que os pequenos e grandes traballos agrícolas no exterior resulten exitosos.

O Concello de San Sadurniño publicou o listado de participantes (que agora deberán confirmar a inscrición pagando a cota correspondente) entre os que se contan 12 viveiros ou postos de flor, unha trintena de puntos de venda de produto agroalimentario, 20 expositores de artesanía, 4 de maquinaria e outros 6 pertencentes a colectivos sen fins de lucro. 

Dende os seus inicios nos anos 90, impulsada en orixe pola asociación Bidueiro, a Feira da Plantación converteuse nun encontro comercial de referencia que tamén reivindica a calidade, diversidade e potencial do sector primario, especialmente no ámbito da produción de planta ornamental.

Ao mesmo tempo, a feira tamén é unha xornada de lecer chea de actividades complementarias para todas as idades. Para a cativería ofreceranse dous obradoiros, un de sementes ás 12:30 horas e outro de tintes naturais ás 17:30 horas, que ofertan 20 prazas cada un para nenos de entre 4 e 12 anos. As inscricións haberá que facelas na carpa de información do Concello.

Para a xente de máis idade -aínda que a rapazada tamén pode asistir- ofreceranse demostracións de cociña sostible  coa chef Naír González, do restaurante mugardés Muelle 43. As sesións están programadas para as 12:00 horas e as 19:00 horas e inclúen a degustación dos pratos preparados, nos que a cociñeira utilizará produtos elaborados na Fusquenlla. Neste sentido, o proxecto intermunicipal con sede en Moeche tamén contará con espazo de seu na feira onde poder coñecer en detalle a súa actividade e probar os seus zumes, marmeladas e outras preparacións de proximidade.

Outras propostas que gardan relación co desenvolvemento local serán as charlas do Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa sobre as rochas presentes no Xeoparque do Cabo Ortegal, a música de Vai Rañala Meu -entidade con base en Sedes que se centra en tecer redes no rural a través da cultura-  ou as exhibicións de arte floral con Tania Couce (Floristería La Feria). Os centros e adornos que monte a florista local sortearanse ás 14:00 e as 19:30 horas entre as papeletas que se entregarán con cada compra. A rifa será presencial ata que aparezan as persoas premiadas.

Ademais, só por acudir á feira entregarase como agasallo o xa tradicional detalle dunha bolsiña con plantas ornamentais doadas por Vivergal, empresa con sede en Santa Mariña do Monte que colabora de forma desinteresada coa organización. Xunto a esta colaboración, o Concello tamén conta co apoio económico da Deputación da Coruña.

Entre compras, obradoiros, actuacións e paseos pola contorna, o día promete ser ben  completo. Incluso se poderá xantar na carpa instalada no recinto, aínda que desde o Concello tamén se anima a visitar os restaurantes da zona (recoméndase facer reserva).

Instalación dos postos e tráfico

O Concello habilitará dous espazos de aparcamento a escasos metros da feira: unha na leira da área de autocaravanas e outra nas proximidades da ponte sobre o río. A entrada e saída deberá seguir un único sentido de circulación para evitar atascos. O acceso desde a AC-862 farase pola contorna do Centro de Día e a saída será por Cornide, quedando prohibido estacionar nos laterais dese traxecto.

Desde a área de Desenvolvemento Local pídese aos participantes que respecten estrictamente os horarios asignados para a montaxe dos postos, lembrando que a partir das 10:15 horas non se permitirá a entrada de ningún expositor.

Tamén se indica que, unha vez instalado o posto, deberán retirarse os vehículos, e que os espazos de venda deben permanecer abertos como mínimo ata as 19:30 horas. Estes e outros aspectos organizativos están recollidos nas bases de participación que se publicaron xunto ao formulario de inscrición.

Listado de postos admitidos
Programa da XXVIII Feira da Plantación

Lea también

San Sadurniño, capital comarcal del fútbol base durante esta fin de semana

El campo de la piscina acoge de viernes a domingo el XIX Torneo de fútbol …