700 escolares participan en Narón nunha campaña municipal contra o consumo de alcol

O Concello de Narón continúa impulsando a través da concellaría de Seguridade Cidadá, dirixida polo edil José Oreona, obradoiros para concienciar á mocidade sobre os perigos que implica o consumo de alcol. Na xornada deste mércores 23 o alumnado de segundo de Secundaria do colexio Jorge Juan, algo máis de medio cento de menores, asistiron a unha das sesións, de unha hora de duración e que inclúe unha parte teórica e outra práctica.

Os integrantes do equipo de Educación Viaria do Concello, Pedro Caneiro e Sonia López, e Simón Cabarcos, da área municipal de Prevención, imparten inicialmente unha charla aos escolares sobre a importancia de utilizar o cinto de seguridade e os perigos do consumo de alcol.

Explícanlles tamén o contido da sesión práctica, na que utilizando unhas gafas especiais permiten experimentar unha simulación realista dos efectos do consumo de alcol ou drogas, afectando á súa visión, ao equilibrio, os tempos de reacción ante posibles incidencias… Para isto, os rapaces, unha vez colocadas as gafas, proban a realizar un tramo de camiñata en zigzag, outro en liña recta, a xogar cunha pelota…. comprobando en primeira persoa as dificultades que iso supón, e o perigo, baixo os mencionados efectos.

“Desequilibrios, perda de reflexos e habilidades, mareo… son algunhas das sensacións que experimentan os escolares, aos que tratamos de concienciar sobre a importancia de aprender a dicir que non ao consumo de alcol e drogas e tamén dicir que non a subirse nun vehículo con persoas que consumisen, debendo adoptar nese caso as medidas oportunas para evitar riscos evidentes derivados dese tipo de situacións”, apuntou Oreona.

O edil naronés destacou o feito de que “a concienciación e a formación son na nosa cidade unha constante durante todo o ano, e mostra diso son os anos que levamos apostando por este tipo de obradoiros e impartíndoos”. A maiores tamén utilizan un simulador dun accidente con cinturón de seguridade –de catro puntos en lugar dos habituais de tres para maior protección- para ver os efectos dun choque a unha velocidade de 3 km/h, un impacto que aínda así é moi representativo dos efectos que se intentan trasladar, da perigosidade de non poñer o cinturón.

Nesta ocasión, preto de 400 alumnos dos colexios Ayala, O Feal, Santiago Apóstol, Jorge Juan e dos IES As Telleiras e Terra de Trasancos, participarán nesta iniciativa, que rematará o vindeiro 29 deste mes. Na xornada deste xoves 24 as sesións impartiranse no IES das Telleiras e o venres no Terra de Trasacos, para rematar coas programadas o luns 28 no Feal e o martes 29 no Santiago Apóstol. “A formación compleméntase coa levada a cabo tamén este mes, con dous obradoiros de concienciación en seis centros educativos da cidade, neste caso para menores de terceiro de Secundaria, sobre esta mesma temática”, apuntou Oreona, destacando que acudiron un total de 308 alumnos entre o 1 e o 11 deste mes.

Lea también

O Padroado da Cultura de Narón e a AVV “Os Irmandiños” do Val iniciarán o venres os actos da Recreación das Lendas da Pena Molexa

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro e a presidenta …