Alumnado dun curso de Carpintería do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara en Narón, rematou caixas niño pensadas especialmente para os cirrios, unhas aves parecidas ás anduriñas ameazadas polo uso de pesticidas, a pérdida de hábitats e o cambio climático.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e os edís de Medio Ambiente e Formación, Manuel Ramos e Natalia Hermida, desprazáronse ao centro para ver o resultado dos traballos realizados, que se programaron con motivo do Día Mundial do cirrio. O descenso poboacional destes paxaros, aves urbanas migratorias que pasan boa parte do ano en África e que dende abril ata agosto están por Europa para nidificar, foi en aumento ano tras ano, tal e como indican algúns expertos na materia.
Trátase dunha especie de aves que só se pousan para criar e pasan a vida, durmindo e comendo incluso, no aire e podendo chegar a consumir 10.000 insectos ao día para alimentar ás súas crías. A rexedora local avanzou que as caixas rematadas se entregarán ós veciños de Narón, que deberán cumprir unha serie de requisitos para poder levalas relativos á colocación das caixas, relacionados coa altura da colocación, a orientación da vivenda, etc.).
A colocación soe realizarse en fachadas, terrazas, tellados…a ser posible resgardados, e a unha altura considerable. Para poder informarse ou solicitalas poden chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1604, 1614 e 1618) ou dirixirse ao departamento municipal de Medio Ambiente, no sexto andar do Concello.