O Padroado da Cultura de Narón e a AVV “Os Irmandiños” do Val iniciarán o venres os actos da Recreación das Lendas da Pena Molexa

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro e a presidenta da AVV Os Irmandiños, do Val, Manoli Castro, presentaron os actos que se desenvolverán os días 13 e 21 de xuño con motivo da Recreación das Lendas da Pena Molexa.

A alcaldesa Marián Ferreiro e a presidenta da AVV Os Irmandiños, do Val, Manoli Castro.

Este mesmo venres día 13, tal e como avanzaron, dará comezo a programación, coa tradicional andaina solsticial, aberta á participación da cidadanía en xeral. Trátase, recordaron, dunha ruta entre o convento de Baltar e a Pena Molexa que dará comezo ás 22:30 horas e na que os caminantes levarán fachos para alumear o percorrido. O Concello organiza a convocatoria a través do Padroado da Cultura, en colaboración coa AVV “Os Irmandiños” e a Deputación da Coruña.

Na xornada do día 21 deste mes levaranse a cabo os actos centrais da Pena Molexa. Ás 18.00 dará comezo unha sesión de xogos tradicionais e ás 22:00 horas haberá un concerto de Milladoiro. Previamente, ás 20:00 horas, poderanse degustar churrasco e tamén bocatas Molexos preparados para a ocasión, adquirindo os tickets ese mesmo día na zona do evento.

A Lenda da Fada da Pena Molexa comezará a representarse ás 00:00 horas, a cargo de alumnado da Escola de Teatro de Narón, que representará a historia dunha moura que pola noite se convertiu en rocha coincidindo co solsticio de verán. Finalmente, ás 00.30 horas actuará o Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura do Concello de Narón.

Dende a AVV Os Irmandiños animaron á cidadanía a acudir a este evento, “que nos permite manter viva a nosa cultura, neste caso as nosas tradicións e lendas e ao mesmo tempo desfrutar da música e da gastronomía, para poder pasar unha tarde nas inmediacións da Pena Molexa con propostas para persoas de todas as idades”.

Pola súa banda, Ferreiro destacou o traballo que realiza a entidade veciñal do Val para poder manter no tempo esta celebración, na que se implica a veciñanza desta parroquia da cidade. Así mesmo, recalcou a importancia de apostar por este tipo de actividades, cun marcado carácter cultural e cun importante papel na historia da cidade.

Lea también

Abre en Narón a inscrición no programa Informática Divertida (INDI)

O edil de Novas Tecnoloxías de Narón, Román Romero, anunciou que o Concello abre este …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *