Neda ultima un obradoiro de ilustración “Versioleando ao Castelao”

O artista nedense Leandro Lamas ponse á fronte desta actividade creativa, incluída nas Xornadas literarias de Neda.

A 20 edición das Xornadas literarias de Neda, centradas na figura de Castelao, incluirán dentro da súa programación un obradoiro de ilustración, dirixido nada menos que polo recoñecido artista nedense Leandro Lamas.

O título da proposta, que terá lugar o sábado 26 de abril, non deixa lugar a dúbidas: “Versioleandro ao Castelao”. A próxima semana abrirase o prazo para apuntarse.

A Casa da Cultura acollerá, en horario de mañá (de 11 a 13 horas), esta actividade gratuíta, que propón un singular achegamento á obra gráfica dun dos grandes intelectuais galegos do século XX. Guiadas por Leandro, co seu marcado estilo cheo de cor e de fantasía, as persoas participantes terán a ocasión de mostrar a súa creatividade e talento, reinterpretando algunha das célebres estampas e ilustracións de Castelao, recollidas en álbums como Cousas da vida, Nós ou Galicia mártir, ademais de nalgún dos seus libros.

A actividade, con prazas limitadas, vai dirixida a persoas de 16 anos en diante, que queiran pasar un bo rato facendo a recreación, paso a paso, primeiro cun esbozo a lapis e despois pintando con acuarela. Para participar haberá que anotarse entre o luns 21 e o xoves 24 na biblioteca municipal de Neda (teléfono 981390233) no horario habitual do espazo cultural, é dicir, de 9 a 13 horas ou de 16 a 20 horas.

Con “Versioleandro ao Castelao”, o Concello de Neda aposta por diversificar a oferta das Xornadas literarias, que incluirán as tardes dos días 24 e 25 de abril conferencias para descubrir a poliédrica figura de quen foi o primeiro presidente do Consello de Galicia. A oferta de lecer do evento cultural incluirá ademais na fin de semana teatro e un espectáculo infantil.

Lea también

Se activa el campamento de verano gratuito «Neda concilia»

El Ayuntamiento de Neda activa, un año más, durante el mes de julio su campamento …