A Asociación Memoria Histórica Democrática organizou en Narón os actos do 94 aniversario da II República que se desenvolveron nos cemiterios do Val e San Mateo e xunto á árbore de Guernika que medra fronte ao Pazo da Cultura.
A convocatoria consistiu en tres ofrendas florais, a lectura de poemas e intervencións de historiadores que recordaron ás vítimas do franquismo, moitas delas das nosas comarcas. A primeira das citas foi ás 12:00 horas no cemiterio do Val, á que acudiron varios representantes da Asociación Memoria Histórica Democrática, entre eles Fernado Docampo e o historiador Xosé Manuel Suárez e representantes dos grupos políticos de TEGA, PP e PSOE.
Dende a asociación destacaron a importancia de continuar recordando estes feitos da nosa historia para que non caian no esquecemento e ao mesmo tempo, homenaxear ás vítimas, antes de proceder á lectura dun poema fronte á placa colocada nas inmediacións da igrexa do Val e realizar unha ofrenda floral. No propio camposanto da citada parroquia levouse tamén a cabo outra ofrenda, na zona na que nos últimos meses se levaron a cabo prospeccións para determinar a ubicación das fosas comúns onde xacen máis de medio cento de represaliados polo franquismo.
O historiador Xosé Manuel Suárez indicou que os fusilaron con ametralladoras, “un caso colectivo como os que non atopei outro en Galicia”. Así mesmo, recordou que hai moita información recompilada sobre estes feitos “pero hai máis detalles que se podemos realizar unha excavación poderemos coñecer”, incidindo finalmente en que “non foron sacrificados en vano porque as súas ideas de liberdade, igualdade e fraternidade seguen aí”.
O concelleiro naronés Pablo Mauriz, pechou o acto agradecendo o labor da asociación Memoria Histórica Democrática e a súa implicación para que estes feitos teñan visibilidade, comprometendo o apoio á hora de homenaxear a todas as vítimas. A continuación, os representantes de Memoria Histórica Democrática e dos grupos municipais de TEGA e PSOE desprazáronse ao camposanto de San Mateo, onde tamén se levou a cabo unha ofrenda floral en recordo das vítimas en xeral e das 17 persoas alí enterradas, fusiladas en xullo do 37 en dous días no Arsenal, todos eles españois que ían na tripulación do Cantábrico, un barco de importancia internacional, segundo apuntou Xosé Manuel Suárez.
Finalmente os representantes da asociación e edís de TEGA e PSOE desprazáronse ás inmediacións do Pazo da Cultura, onde se levou a cabo a terceira ofrenda floral, xunto á árbore de Guernika, na que participou tamén o historiador Enrique Barrera, que recordou ante os presentes esta parte da historia.