A Deputación de A Coruña financia dez vehículos a entidades de servizos sociais

A institución provincial destina máis de 373.000 euros a esta liña de axudas destinada a facilitar a agrupacións sen ánimo de lucro o transporte de persoas ou mercancías.

A Deputación da Coruña financia a compra de dez vehículos a entidades sen ánimo de lucro da provincia para a mellora da prestación de servizos sociais.

O Boletín Oficial da Provincia publicou o xoves 10 de abril, a concesión definitiva deste programa de subvencións ao que a institución provincial destina un total de 373.168,07 euros.

A finalidade deste programa é o apoio a agrupacións privadas sen ánimo de lucro e con sede na provincia da Coruña que presten servizos a persoas con algún tipo de diversidade funcional, con trastornos aditivos, maiores ou persoas en risco de exclusión social.

Deste xeito, a Deputación concedeu importes que van desde os 18.842,45 euros ata os 50.000 en función do coeficiente obtido, baseado nun réxime de concorrencia competitiva e a través dos criterios obxectivos, ata un máximo do 80% do orzamento.

A entidade provincial facilita a adquisición de furgóns de carga, furgonetas de transporte ou furgonetas de transporte adaptadas a cadeiras de rodas. Así, o obxectivo é facilitar tanto o transporte de persoas a través de vehículos adaptados ou non adaptados como o de mercancías para o reparto de alimentos, roupa ou outros elementos de primeira necesidade.

As entidades que obtiveron estas achegas son a Asociación Banco de Alimentos Rías Altas, a Asociación de Padres de Persoas con Discapacidad Intelectual ASPADEZ, a Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psico-sociais, a Asociación AVANTE de Persoas con Discapacidade, a Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros, a Asociación Integro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte, a Asociación Saúde Mental A Creba, a Escuela Hogar María Inmaculada El Barquero, Faiben Fundación de Apoio a Infancia e o Benestar e Pía Unión La Obra de la Señora.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, apuntou que este programa é “unha axuda moi demandada polas propias entidades sociais, que apoia o labor diario das mesmas” e incidiu en que estes vehículos “axudarán a mellorar a vida de centos de persoas, a maior parte delas con discapacidade, que acuden a diario a centros de día, de tratamento e rehabilitación ou ocupacionais”.

SOLICITUDES CONCEDIDAS DE XEITO DEFINITIVO

BOP: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/04/10/2025_0000002294.pdf

Lea también

La Policía Nacional alerta ante un nuevo repunte de estafas en inversiones en criptomonedas

La Policía Nacional ha detectado un repunte significativo de estafas en Galicia en las últimas …