Narón completa o alumeado led nas estradas de Cedeira, de Sedes a Pedroso, fases I e II Río do Pozo e centros de ensino

O Concello de Narón continúa avanzando na instalación de alumeado led nas luminarias públicas, co fin de progresar tamén no cumprimento dos obxectivos de rebaixa de emisións de CO2 incluídos no PACES (Plan de acción polo clima e a enerxía sostible) ao que está adherido e que xa no ano 2022 recoñecía cumprir o 60% dos mesmos nesta área.

Tanto é así que, segundo informou a alcaldesa, Marián Ferreiro, “os últimos investimentos realizados supuxeron un desembolso de algo máis de 83.000 euros, con cargo aos que se completou a instalación de luminarias led na estrada de Cedeira e na de Sedes a Pedroso e nas fases I e II do polígono de Río do Pozo”. No que respecta á estrada de Cedeira, a AC-566, todo o vial conta xa con alumeado público led, substituíndose un total de 86 luminarias, con redución da potencia instalada do 60% e cun investimento procedente de fondos municipais e un traballo acometido por persoal municipal de Servizos Básicos e de Mantemento.

Rematadas están tamén as labores que permitiron o cambio de luminarias na AC-112, a estrada de Sedes a Pedroso, actuación cofinanciada a través do Fondo de Compensación Ambiental e para a que se contratou o subministro e instalación de 92 luminarias.

Os traballos leváronse a cabo na confluencia da AC-112 cos lugares de Sabín e Gándara (Sedes), cun aforro neste caso do 40%. Persoal municipal de Servizos Básicos e de Mantemento traballou tamén na substitución destas luminarias. Así mesmo, no referente ao polígono industrial de Río do Pozo, nos viais localizados nas fases I e II, instaláronse 190 luminarias con cargo a fondos municipais e o labor de persoal tamén municipal. O aforro previsto nesta actuación é tamén dun 60% e, tal e como avanzou Ferreiro, “este ano temos previsto continuar xa os traballos nos viais das fases III e IV do polígono”.

A maiores destas tres actuacións, tamén se destinaron 4.000 euros de fondos municipais para adquirir elementos de iluminación led sustitutivos das tecnoloxías convencionais, un labor acometido por persoal de Servizos Básicos de Mantemento do Concello e que permitiu rematar a implementación de iluminación led en todos os centros educativos da cidade (colexios e pavillóns anexos), cun aforro na potencia instalada do 50%.

A alcaldesa destacou que “a maiores do aforro enerxético que supoñen estas actuacións, permiten mellorar as condicións técnicas de iluminación, como a uniformidade, a redución dos gastos de mantemento das luminarias, a eliminación da contaminación lumínica…”. Así mesmo, subliñou “o intenso labor levado a cabo dende o Consistorio para poder seguir avanzando nesta liña, como viñemos facendo nos últimos anos e como continuaremos facendo co fin de dar cumprimento a todos os compromisos adquiridos no seu día co PACES, alcanzándose actualmente o cumprimento de rebaixa de emisións acordadas no plan con estas intervencións e a recente contratación do subministro de enerxía 100% de orixe renovable”.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *