Pontedeume presenta o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos

O Concello de Pontedeume acolleu, no salón de plenos, a presentación oficial do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nos seus contornos. Esta iniciativa, impulsada polo Ministerio do Interior a través da Secretaría de Estado de Seguridade, conta co apoio tamén da Subdelegación do Goberno na Coruña. 

Fuente Concello de Pontedeume/Sofia Allegue

Acudiron ao acto a subdelegada do Goberno na provincia, María Rivas López, e o director de Educación da Delegación do Goberno en Galicia, Xosé Lois García Carballido. Tamén o tenente coronel da Garda Civil, Julio Javier González Chas, e o cabo comandante de posto, José Carlos Castelos Cortizas, así como José María Fajardo da Policía Local. 

Por parte do Concello estiveron presentes, ademais do alcalde Bernardo Fernández Piñeiro, a concelleira de Servizos Sociais, Rosario Huertas Garabana, e a concelleira de Educación, Alejandra Bellón Tenreiro. Tamén representantes dos Servizos Sociais municipais, do Sergas e dos centros educativos do municipio. 

O obxectivo principal deste Plan Director é reforzar a seguridade e previr situacións de risco no ámbito educativo mediante unha estratexia conxunta entre as diferentes administracións públicas, corpos de seguridade e axentes sociais. Pretende deste xeito apostar por un enfoque preventivo, pedagóxico e de cooperación institucional, fronte a medidas unicamente punitivas.  

«O plan establece como prioridade garantir a seguridade nos contornos escolares, achegar os corpos policiais ao alumnado, e sensibilizar sobre as diferentes formas de violencia e os dereitos fundamentais», explica Alejandra Bellón. 

«Tamén promove a igualdade entre homes e mulleres, reforza a vixilancia nos arredores dos centros, impulsa a coordinación entre forzas de seguridade e fomenta a cooperación entre as administracións públicas», engade pola súa banda Rosario Huertas. 

O Concello, en colaboración coa Garda Civil, activará medios de distintos departamentos para poñer en marcha o plan a nivel local. Desenvolverase en dúas fases: unha dirixida aos equipos directivos e ao persoal docente, e outra que implicará directamente ao alumnado. 

Así mesmo, habilitarase un número de contacto operativo en horario de mañá, ademais dun servizo de atención vía WhatsApp e Telegram, co obxectivo de facilitar a comunicación directa, incluso anónima, sobre calquera situación de risco ou inquedanza.  

O plan abordará cuestións como a violencia en xeral, violencia de xénero, violencia intrafamiliar, acoso escolar, sexting e riscos asociados, consumo de drogas e alcohol e tamén, uso responsable das novas tecnoloxías. Tamén se atenderán outras problemáticas que a comunidade educativa considere de especial relevancia. 

Fuente Concello de Pontedeume/Sofia Allegue

O Plan Director pon o foco na prevención temperá, co fin de evitar que situacións preocupantes cheguen a derivar en problemas máis graves. «Grazas ao contacto diario dos centros educativos cos nenos e adolescentes, será posible detectar casos de violencia doméstica, consumo de substancias ou indicios de delitos», sinala Bernardo Fernández. 

“A confianza entre o alumnado e o profesorado é clave para identificar a tempo estas situacións, e, coa súa colaboración, este plan aspira a intervir antes de que o delito chegue a producirse, fomentando unha cultura de prevención, protección e benestar da infancia e da mocidade”, apunta. 

Lea también

Ares programa varios obradoiros de Pascua para as crianzas da vila

O equipo técnico dinamizador da biblioteca municipal da localidade vén de anunciar as actividades que …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *