A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou o centro de COGAMI en Ferrol, onde foi recibida polo vicepresidente da entidade, Ramón Sestayo, e a directora do centro, María Aneiros.

Durante o encontro, realizaron un percorrido polas instalacións para coñecer de preto o traballo que se desenvolve nos servizos de emprego, formación, promoción da autonomía persoal e no servizo de atención diúrna, onde 6 profesionais atenden ás persoas usuarias procedentes de Ferrol, Narón e Valdoviño.
A Deputación de A Coruña apoia con 105.000 euros o programa de inserción laboral de COGAMI, contribuíndo ao financiamento dos servizos de orientación laboral que a entidade presta na provincia. Ademais de Ferrol, COGAMI conta con servizos de intermediación, orientación e prospección de emprego en A Coruña e Santiago de Compostela, colaborando na procura de emprego para persoas con discapacidade a través de entrevistas, orientación laboral, visitas a empresas e intermediación entre a persoa usuaria e o tecido empresarial.
O servizo de emprego de COGAMI en Ferrol logra 232 insercións laborais en 2024
Durante a visita, dende a área de Emprego e Formación de COGAMI presentáronse os resultados acadados en 2024. Neste exercicio conseguiuse a inserción laboral de 232 persoas na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Un dos aspectos destacados deste servizo é que se despraza ata os concellos do rural, evitando que sexan as persoas demandantes de emprego as que teñan que realizar longos desprazamentos para acceder a unha oportunidade laboral. Do total de insercións, o 46% das ofertas de traballo foron xestionadas directamente polo servizo de intermediación de COGAMI.
Na actualidade, a base de datos de emprego da entidade conta con 1.964 persoas con discapacidade ou incapacidade laboral rexistradas como demandantes de emprego, das que o 54% son homes. Ademais, durante 2024 incorporáronse 154 novas persoas. Dentro do labor de orientación, realizáronse 806 accións de asesoramento e impartíronse 12 cursos formativos, nos que participaron 154 persoas capacitadas para a súa incorporación ao mercado laboral.
Rosa Ana García destacou “o importante traballo que desenvolve COGAMI no eido da inserción social e laboral das persoas con discapacidade” e subliñou a importancia deste programa, “unha aposta pola inclusión que mellora a vida de centos de persoas”. “Fundamental labor que realiza COGAMI no eido da inserción social e laboral das persoas con discapacidade” e subliñou a importancia deste programa “para apoiar a estas persoas na busca dun emprego”, afirmou.
“Estes datos reflicten a importancia do traballo en rede entre as entidades sociais e as administracións públicas para fomentar a inclusión laboral das persoas con discapacidade”, sinalou o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo.
A visita serviu, ademais, para supervisar as melloras realizadas no centro de atención diúrna, onde unha subvención da Deputación da Coruña permitiu renovar a carpintaría metálica, mellorando a eficiencia enerxética e o confort das persoas usuarias.