Psoe Ferrol denuncia que o Goberno local recorre ó endebedamento

O Grupo Socialista de Ferrol  denuncia que o alcalde da cidade departamental «volve recorrer ao endebedamento a pesar de ter sen executar o 45 % do orzamento de 2024, no que apenas gastou un 7 % en investimento». “Vólvelle mentir á cidadanía facendo xusto o que criticaba desde a oposición” denuncia Rafael Fernández

O Grupo Municipal Socialista de Ferrol manifesta a súa «firme oposición á nova operación de crédito aprobada polo goberno local  por un importe de 8,8 millóns de euros, que se suma á póliza de 12 millóns licitada en 2024 e aos 6,3 millóns aprobados en 2023 —dos cales non se empregou nin un só euro. En total, o PP compromete xa 27,1 millóns de euros en financiamento, sen garantir a súa execución real nin resultados palpables para a cidadanía».

«Resulta alarmante que o alcalde de Ferrol insista en incrementar a débeda municipal cando os datos da liquidación orzamentaria reflicten unha execución paupérrima: só un 7,84 % no capítulo de investimentos e un 55 % global no conxunto do orzamento de 2024. Son 10 puntos menos que en 2022, último ano completo con goberno socialista».

«Estamos diante dun goberno que presume de endebedarse para investir, pero logo é incapaz de transformar os recursos en obras reais. Que sentido ten contratar máis crédito se non se executa o que xa está aprobado?», cuestionou o concelleiro socialista Rafael Fernández. «En lugar de avanzar, Ferrol está paralizado por un alcalde máis preocupado pola súa carreira política en Madrid que polos problemas reais da cidade».

«Temos un alcalde ausente, que reparte o seu tempo entre actos sociais e viaxes ao Senado; un alcalde incompetente, incapaz de executar os investimentos que el mesmo orzamenta; e un alcalde mentiroso, que fai exactamente o contrario do que prometía cando estaba na oposición. «Criticaba unha póliza de crédito de 15 millóns e agora leva 27 sen executar nin unha parte», apuntou Fernández.

O Grupo Socialista lembra que «durante o mandato anterior, o PP atacou con dureza unha póliza que serviu para levar a cabo numerosos proxectos que hoxe están rematando. Agora, con máis crédito e menos execución, a incoherencia é total». «O alcalde actúa como se Ferrol fose unha empresa privada con beneficios, esquecendo que un Concello está para ofrecer servizos públicos e investir nos seus barrios. O superávit que proclama non é máis ca a consecuencia de non executar nada«, engadiu Fernández.

«Desde o Grupo Municipal Socialista esiximos responsabilidade, transparencia e, sobre todo, traballo. Ferrol non pode permitirse máis crédito sen proxectos, nin máis anuncios sen feitos», conclúen.

Lea también

La AXF en el Wedding Pack Solidario » Cásate no Camiño»

Este pasado fin de semana la Asociación de Persoas Xordas de Ferrolerra (AXF), participó en …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *