
A concelleira de Igualdade, María Lorenzo, informou que ata o vindeiro día 30 se pode ver na praza da Igualdade, na Gándara, a exposición do Concello de Narón con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. A edil naronesa recordou que a previsión do Consistorio era que a mostra, que estivo tamén no Centro Comercial Odeón, se trasladase o pasado día 20 á actual ubicación, se ben debido ás condicións meteorolóxicas se pospuxo ese traslado.
Os paneis que forman esta exposición itinerante ofrecen información das mulleres homenaxeadas en Narón como Mulleres do Ano de Narón, dende o ano 2016 ata 2025, recaendo esta última distinción por unanimidade da corporación local en Ana Isabel Ares Pernas, licenciada en Ciencias Químicas pola USC e vicerreitora do Campus de Ferrol.
A concelleira animou á veciñanza a achegarse á Gándara para ver esta mostra e recordar “a traxectoria destas mulleres homenaxeadas, que son unha representación de tantas e tantas outras da nosa cidade que destacaron a nivel persoal e profesional e que poderían tamén ser dignas merecedoras desta distinción”.