O Concurso de Tapas de Entroido organizado polo Concello apura os seus últimos días. Así o recordou a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, que indicou que mañá xoves rematará o certame no que participan un total de dezasete establecementos de hostalería da cidade.
A edil avanzou ademais que será tamén mañá xoves cando se reúna o xurado encargado de valorar as diferentes elaboracións presentadas a esta edición. O xurado estará formado por Miguel Caruncho, docente de Cociña e Hostalería no CIFP Fraga do Eume, de Pontedeume; Nerea Armendáriz, instagramer especialista en cociña -@lamorrofino-; e José Barroso, xefe de cociña do Pazo Libunca, en Narón. Os tres serán os encargados de degustar as dezasete elaboracións que se serviron estes días -dende o pasado 27 de febreiro, nos establecementos de hostalería: Chacho qué bueno!; Silver; O Tapeo; Casa Sindo; Mamá Flora; Clandestino Burger; El Olivo Cocina Bar; Salsiña restaurante; Ronnie; Fame Kanalla; Lambetadas; O Rincón de Trini, O Lugar, Mesón de La Abuela; Café Restaurante Kensington; A Serra e Chips.
Os responsables dos establecementos optan a dous premios, o concedido polo xurado e outro a través da votación popular -realizada a través dun código QR pola clientela- que consisten en ambos casos en 500 euros, unha chaqueta de chef e unha placa conmemorativa do evento, tal e como recordou Ameneiro. A clientela puntuou -de 1 a 5- a través dese código QR as tapas -que teñen un prezo de 3 euros cada unha- e tamén opta ao sorteo de tres ceas a celebrar nun dos establecementos participantes, valoradas cada unha en 100 euros, acordando o día cos responsables dos locais.
O fallo do certame farase público na xornada do vindeiro luns, día 10, e os premios entregaranse no Concello, nunha data que se anunciará previamente.
Canelóns de Entroido, volcán canario, empanadilla sobre crema de pataca, flor de Olivo, gyoza clandestina, revolto de lacón con grelos, tortilla de Entroido, filloas recheas de carne de porco, quesadilla galega, cociburguer, manitas al volante, Entroido no pan… forman parte das propostas que aínda hoxe e mañá se poden degustar ao mediodía ou pola tarde nos establecementos participantes. As diferentes elaboracións poden verse no facebook Narón Gastronómico.
“Queremos agradecer a participación dos establecementos que se sumaron a este certame, algúns deles por vez primeira, e tamén da clientela que se está achegando a degustalas, porque grazas a todas e todos eles podemos continuar impulsando o noso sector hostaleiro”, destacou a concelleira de Promoción Económica.