O X Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular comeza o venres 7 en Narón

A décima edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular dará comezo este venres 7 no Pazo da Cultura de Narón. Tres espectáculos abrirán esta fin de semana unha completa programación que se desenvolverá ata o 30 de marzo e que ademais de obras teatrais inclúe mesas redondas, unha rolda de negocios, e a asamblea de Redelae, entre outras.

A primeira cita será o venres, cando se representará a obra “Una madre de película” -20:30 horas- da compañía madrileña Pentación e protagonizada pola actriz Toni Acosta. O sábado poderase ver “O deus do pop” -20:30 horas- da compañía galega Diego Anido, interpretada por el mesmo e este domingo, día 9, a primeira proposta deste festival para público familiar e infantil, “As verbas de Luísa”, de Manuela Varela.

As entradas para todos os espectáculos previstos, doce en total, poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es. Compañías cubanas e arxentinas e destacadas personalidades do mundo das artes escénicas compartirán o evento xunto con compañías teatrais galegas, que terán unha presencia prioritaria no mesmo, seguindo o espírito desta convocatoria.

A maiores, destaca a presenza feminina, cun 80% dos espectáculos programados nos que as protagonistas son as mulleres. A Xunta de Galicia, a través de Redelae, e a Deputación da Coruña colaboran un ano máis nesta convocatoria.

En canto aos espectáculos programados, a seguinte fin de semana, o día 14 representarase “La 4TA Lucía”, da firma cubana Aire Frío -20:30- e o día 15 “Macho grita”, do madrileño Alberto San Juan -20:00-. O 21 de marzo poderase ver “Pequenas mentiras para contar grandes verdades”, da galega Chévere -20:30- e con Patricia de Lorenzo como protagonista, e o día 22 “Hoy tengo algo que hacer”, da madrileña Teatro del Barrio -20:00-, coa interpretación de Luis Bermejo.

Na xornada do día 28 terá lugar a estrea da peza “La Celestina”, da compañía arxentina Rey Marciali Producciones -20:00- e o día 29 a obra “Vicio houbo sempre”, da galega Atenea García -20:00-. No que respecta aos espectáculos para público familiar e infantil o día 16 representarase a obra “Kyoki”, de Elefante Elegante; o 23 “Contos para entender (nos) mellor”, de Cris de Caldas e o 30 “Lúa quere viaxar a… Marte!”, da Xanela do Maxín, todas elas firmas galegas. Estas obras darán comezo ás 18:00 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura.

Lea también

Cultura da Deputación selecciona os oito proxectos das Residencias Artísticas Mariñán

Xa se coñecen os oitos proxectos que se desenvolverán nas Residencias Artísticas Mariñán 2025 convocadas pola …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *