Estíbaliz Espinosa participa en Fene no ciclo Contando Ciencia

Baixo o suxerente título de Multiverso de telescopías, a escritora e astrónoma amadora Estíbaliz Espinosa falará este xoves 6 de marzo, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Fene. A conferencia encádrase no ciclo Contando Ciencia que organiza a biblioteca O segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da concellería de Ensino. A entrada ao acto será de balde e aberta a todo tipo de público, até completar o aforo.

Na súa intervención en Contando Ciencia, Estíbaliz Espinosa falará sobre a astrofísica, un ámbito do que se coñecen poucos nomes e achegas científicas de mulleres, como Jocelyn Bell, Caroline Herschel, Vera Rubin ou Antonia Ferrín. Así, a autora partirá da seguinte cuestión: “que hai das aportacións destas mulleres á ciencia, das súas representacións en arte e dos textos e poemas nos que tocan o ceo? Pois velaquí un multiverso”, afirma Espinosa.

Escritora, intérprete, astrónoma amadora e exploradora en ciencia e literatura. Así se define a autora Estíbaliz Espinosa, quen se lembra “escribindo desde que colleu o primeiro lapis e debuxou cómics. E lémbrase sobre todo lendo, dándolle voltas ao prisma literario non menos que ao científico ou ao musical”.

Licenciada en Socioloxía e en Filoloxía Hispánica, na UDC. Cantou en coros pero tamén como solista (soprano e mezzo). Ademais, estuda astrofísica como afeccionada e arqueoastronomía.

Publicou varios libros de poemas como Curiosidade, …as neuronas irmás… ou Pan (libro de ler e desler), relatos, ensaios sobre poesía, ciencia e arte e varios álbumes para nenos e nensa sobre astronomía (Canto Cosmos, Caer de cu polo universo, Abominables Adorables…). Tamén traduciu e foi traducida.

Acaba de editar varios libros sobre ciencia e arte dentro da iniciativa persoal O entrelazamento, cun selo persoal: 7emilias. Anteriormente, en 2015, publicou relatos sobre mulleres de ciencia, Cápsulas de Son, que se emitiron en Radio Voz.

Na perspectiva da cultura científica, artella e dirixe iniciativas de ciencia, literatura e arte, entre elas As Curiosas, os parladoiros Estrelecidas, Canta, Urania!, Novembro estelar, Escrita no ceo, A ombros de xigantas vermellas ou Pinte un bisonte na caverna, por favor.

Ten un pequeno espazo sobre cultura científica no Diario Cultural da Radio Gaelga, e colabora co programa Efervesciencia. Tamén colabora con varias institucións galegas, desde a Orquestra Sinfónica de Galicia ata a CRTVG, e escribe artigos para Luzes, Principia, Cuaderno de Cultura Científica da UPV, Sermos ou Dorna.

CONTANDO CIENCIA

O ciclo Contando Ciencia naceu co obxectivo de “achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto a todo tipo de público, todas as conferencias teñen lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.

Trala conferencia deste xoves, a próxima e derradeira cita por este curso será:

3 de abril, Iria Gómez Touriño, doutora e investigadora do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas. Tema: “Investigando o lado escuro do sistema inmunitario”

Iria Gómez Touriño é investigadora principal do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas do CiMUS e IDIS. Ten conseguido varias axudas e contratos altamente competitivos, incluídos dous contratos Marie Sklodowska-Curie da Unión Europea (King’s College London, Reino Unido, 2013-2015, e USC, España, 2018-2020), e máis recentemente o Career Development Award da fundación estadounidense Juvenile Diabetes Research Foundation (2023-2028).

As suas principias liñas de investigación inclúen a identificación e caracterización de novos fármacos para o tratamento de enfermidades autoinmunitarias, así como o estudo das causas destas patoloxías. A Dra. Gómez é tamén inventora en tres patentes, avaliadora experta de proxectos da Unión Europea e vogal da Xunta directiva da Sociedade Española de Inmunoloxía (2022-2026)

Lea también

La coral Polifónica Airiños de Caranza celebra hoy su 45 Aniversario con un Festival en Ferrol

La Coral Airiños de Caranza celebra este sábado en Ferrol sus 45 años con un …