Narón tramita unha denuncia por depositar restos de obra nun camiño público

O Concello de Narón tramita unha denuncia interposta a un particular despois de que un axente da Policía Nacional o localizase realizando un verquido de restos de obra nun camiño público na zona do Salgueiral, na parroquia de Castro. As concellarías de Seguridade Cidadá e Medio Ambiente, presididas por José Oreona e Manuel Ramos, respectivamente, tomaron nota do informe realizado polo axente o pasado día 21 e no Concello realizouse a correspondente acta, tal e como indicaron.

Dende o goberno local informouse que se manteñen as campañas de vixianza e control deste tipo de infraccións, que, segunda a súa tipificación poden supoñer sancións de ata 1.500 euros. “Non se poden consentir este tipo de condutas que atentan contra a salubridade e o medio ambiente”, destacaron, os edís, ao tempo que recordaron a operatividade do Punto Limpo do Polígono de Río do Pozo.

Estas instalacións abren durante a semana en horario de mañá e tarde e tamén os sábados pola mañá, podendo depositarse residuos como escombro de pequenas obras, papel, vidro, madeira, plásticos, pinturas, electrodomésticos… “Contamos cunhas instalacións municipais nas que as veciñas e veciños poden depositar diferentes tipos de materiais e produtos, sen custe algún, e a maiores un servizo de balde de recollida de voluminosos, polo que non é de recibo que aínda algunhas persoas en vez de recurrir aos mesmos continúen fomentando a proliferación de vertedeiros ilegais”, subliñaron.

Dende o Consistorio agradeceuse o labor dos Corpos e Forzas de Seguridade na loita contra este tipo de infraccións e tamén se requeriu novamente a colaboración cidadá. “Toda axuda é benvida cando tentamos de erradicar este tipo de prácticas, nas que en moitas ocasións é complicado coller ás persoas que as realizan”, aseguran.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …