Fene acolle unha exposición de Mari Carmen Sendón e Laura Cartamil

Trátase dunha mostra de gravado e estampación na que as pezas foron elaboradas a partir de padróns persoalizados e elementos da natureza como follas, pólas, etc. En Dime que ves?, Mari Carmen Sendón e Laura Cartamil realizaron as impresións empregando papeis maioritariamente feitos a man e unha gama de cores exclusivas. A exposición inclúe tamén unha colección de faros de cerámica nos que se representa o “constante movemento do mar e o vento que zoa. Tamén se reflicten as constelacións polas que adoitaban guiarse os mariños e os cantís nos que se asentan os faros, representados con arxila refractaria pintada con óxidos e cocida a alta temperatura”.

Dime que vés? poderá visitarse na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene do luns 3 ao luns 31 de marzo no horario habitual da instalación.

Ao coincidir coas festas do Entroido, os dous primeiros días -luns 3 e martes 4 de marzo- o horario será exclusivamente de mañá, de 10 a 14.15 horas, e o mércores permanecerá pechada por festivo local no Concello de Fene. A partir desa data, o horario de visitas será: de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas. E para o sábado 8 de marzo, ás 11.00 horas, anúnciase a inauguración da mostra que incluirá un recital de poesía a cargo da escritora ferrolá Amelia de Querol.

Mari Carmen Sendón (Ferrol, 1960). Realizou estudos de Expresión Pictórica baixo a dirección de Elena Piñeiro e Paula Rego; e, posteriormente, continuou a súa formación artística da man de Ladislau da Regueira. Tamén realizou cursos de arte floral, vidro fundido, encadernación artística, confección de decorados teatrais… pero, sobre todo, de cerámica (con Daniel Caxigueiro, Rosa Jove, Noa Menéndez, Urza e Anxo Cao) E realizou dous módulos de cerámica artística na Escola de arte e superior de deseño Pablo Picasso.

Desde o ano 2009 e, de xeito ininterrompido, dirixe un taller de expresión artística en Narón, compaxinándoo con outros talleres para adultos de distinta duración: na Casa da Muller de Ferrol, no local de A casilla do Puntal (Neda), na AVV San Ramón de Sillobre ou na Agrupación Veciñal de San Mateo.

Ten realizado numerosas exposicións individuais e colectivas por toda Galicia e participou en diversos encontros de pintura e recreacións (como a das Lavandeiras de Sillobre). En canto aos premios e recoñecementos, salientan: Mención de Honra no Concurso de Pintura Bello Piñeiro, ano 2001; Terceiro Premio no mesmo concurso, ano 2003; Finalista no Concurso de Pintura do Club Naval de Ferrol, ano 2007; Premio especial “Francisco Criado”, no X Concurso de Pintura «Cidade de Narón”, ano 2018.

Laura Cartamil (Narón, 1957). Aínda que comezou a pintar de forma autodidacta, formouse artísticamente entre os anos 2002 e 2011 da man do artista plástico Ladislau da Regueira. Actualmente continúa a súa formación co pintor Manuel Carballeira.

Forma parte desde o 2008 do “Obradoiro de investigación plástica Tartares”, de Narón.

Participou en distintas exposicións colectivas co mencionado “Obradoiro de investigación plástica Tartares”, en salas de Narón, Ortigueira e Vilalba, no marco de dous proxectos plásticos temáticos innovadores.

Tamén participou, coa pintora María del Carmen Sendón, na exposición Dime, que ves?, en Vilalba, así coma nos encontros de pintura-mural “A ría na rúa”, Ferrol; “As Meninas de Canido”, Ferrol; no encontro multidisciplinar “Arte na rúa”, Narón, e en distintos encontros de pintura ao aire libre da Asociación Mesturas de Narón na Presa do Rei (Narón), Xubia (Narón/Neda), Santa Comba-Cobas (Ferrol), Pena Molexa (Narón) e A Palma (Mugardos).

Amelia de Querol (Ferrol, 1960) Artista multidisciplinar interesada en diversas vías de expresión artística: pintura, fotografía, encadernación artística, teatro e, sobre todo, creación literaria. Aínda que escritora compulsiva desde la xuventude, comezou a escribir de forma constante hai algo máis de dúas décadas: contos, relatos breves, artigos sobre teoría poética, artigos de opinión e, sobre todo, poesía.

É correctora ortotipográfica e de estilo, diplomada pola escola online de Escritores.org. Entre 2005 e 2007 contou cunha columna semanal de opinión no xornal Diario de Ferrol e foi colaboradora como tertuliana en programas radiofónicos de ámbito nacional como A Fondo ou El país de las maravillas.

Colaboradora habitual en distintos foros de poesía en internet, nos que publicou algúns dos seus poemas e relatos, así como reseñas e críticas literarias. Ademais, dirixiu e moderou varios talleres e tertulias literarias, tanto na rede como presencialmente. E dirixiu encontros poéticos como Lareira de Poesía e Poseía canalla.

Foi galardoada co 1º premio no XXIII certame de poesía San Jordi, 2014 (Mollet del Vallès. Barcelona) e seleccionada como finalista nas XVII e XVIII edicións do premio de vivencias OROLA (San Isidoro de Sevilla e Antonio de Nebrija), 2022 e 2023. 

 

 
 

Lea también

Ocho comparsas participarán este sábado en el concurso del Festival de Carnaval en Valdoviño

El ayuntamiento apuesta de nuevo por la  “galetiktoker” Leti da Taberna para presentar el certamen. …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *