Récord de comparsas no Entroido de Fene

Dezaseis agrupacións se inscribiron para o desfile e posterior festival de comparsas que terá lugar o Mércores de Cinza.

Os Colludos, Os Argalleiros, As Xoaniñas de Chao, A Canteira do Puntal, ANPA Belén, Os Scratchados, A Revolta de Trasancos, Os Parrandolos, Troupele troupele, Artistas de Centieiras, Os Fenetásticos, Altri Non, OJE Ferrol, Santa Compaña, O Dragón Parrandolo e Paso a Paso.

Son as 16 agrupacións que se inscribiron este ano para participar no desfile e posterior festival de comparsas que organiza a concellería de Cultura de Fene para o mércores 5 de marzo, no marco da súa programación do Entroido 2025. As actividades concentraranse, coma todos os anos, en dúas xornadas.

Na do Martes de Entroido haberá festa infantil con reparto de lambetadas e verbena nocturna coa orquestra Panamá Band. E o mércores, as protagonistas serán as comparsas. O vindeiro luns 3 de marzo, antes das 15 horas, publicarase na web do Concello de Fene a orde do desfile de comparsas para ese día. Comeza a conta atrás para o Entroido, unha das festas máis importantes de Galicia que no Concello de Fene se concentra nas xornadas do Martes de Entroido e Mércores de Cinza. O ciclo botará a andar o martes 4 de marzo cunha festa infantil na Praza do alcalde Ramón José Souto González a partir das 18 horas.

Ademáis da animación, que correrá a cargo de La Guagua, a festa incluirá a tradicional merenda con reparto de lambetadas, coa axuda da AC O Tadetas, para todos os nenos e nenas que se acheguen disfrazados. Colaboran: Panadería Modesto Hermida, Panadería Ramón, Panadería O Forno do Alto, Panadería A Broa, Panadería Amaría, Panadería El Cruce, Pastelería Martínez, Supermercado Gadis, Supermercado Eroski Center, Distribuciones Froiz, Supermercados Lidl e Supermercado Mercadona. Esta primeira xornada concluirá coa actuación da Orquestra Panamá Band, protagonista da verbena nocturna que comezará ás 21 horas.

As actividades do Entroido de Fene continuarán o mércores 5 de marzo coa concentración de comparsas ás 17.30 horas na rúa San Salvador (Pista Polideportiva do CCRD Perlío), para iniciar ás 18 horas o percorrido polas rúas San Salvador, Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais e Avda. do Concello. Ao chegar á Praza do alcalde Ramón José Souto González, terá lugar a actuación das comparsas, a lectura do Testamento (este ano a cargo da escritora fenesa Paula Carballeira), a queima do Entroido e o espectáculo pirotécnico (desde o Parque Castelao).

RESTRICIÓNS DE TRÁFICO E APARCADOIRO. Por mor da celebración das actividades do Entroido, desde a xefatura da Policía Local informan da prohibición de estacionar e circular na Avda. do Concello, desde as 15.30 horas do martes día 4 de marzo até o remate das tarefas de limpeza o xoves 6 de marzo.

NO CASO DE CHOIVA. O martes 4 de marzo manteríanse as actividades baixo carpa na Praza do alcalde Ramón José Souto González. En canto ás actividades do mércores 5 de marzo, de ter que anularse o desfile de comparsas, publicaríase con tempo na páxina web www.fene.gal; pero manteríase a actuación das comparsas e a Lectura do Testamento, baixo carpa.

Lea también

Fangoria, Bombai y Yoly Saa abrirán las fiestas de verano de Ferrol con un gran concierto en la Praza de Armas

Las fiestas de verano de Ferrol 2026 arrancarán el próximo 21 de agosto con un …