Dezasete establecementos de hostalería en Narón participan no Concurso de Tapas de Entroido

A concelleira de Promoción Económica de Narón, Olga Ameneiro, avanzou que un total de dezasete establecementos de hostalería da cidade participarán dende este xoves 27 ata o vindeiro 6 de marzo, no Concurso de Tapas de Entroido organizado polo Concello.

A clientela destes establecementos poderá degustar, por un prezo de tres euros por tapa, as elaboracións presentadas ao certame, que se servirán ao mediodía e pola noite, tal e como se estableceu. Os locais: Chacho qué bueno!; Silver; O Tapeo; Casa Sindo; Mamá Flora; Clandestino Burger; El Olivo Cocina Bar; Salsiña restaurante; Ronnie; Fame Kanalla; Lambetadas; O Rincón de Trini, O Lugar, Mesón de La Abuela; Café Restaurante Kensington; A Serra y Chips participan neste concurso, moitos deles por vez primeira, ofrecendo unha gran variedade de elaboracións con produtos da tempada do Entroido.

A clientela que acuda a estes locais de hostalería e deguste as tapas poderá puntualas -de 1 a 5- a través dun código QR que haberá en cada establecemento. Para que os votos sexan válidos e participar no sorteo dos agasallos deberán votarse como mínimo catro tapas diferentes deste certame. Unha vez rematado o concurso, a clientela que emitiu os seus votos entrará no sorteo de tres ceas a celebrar nun dos establecementos participantes que elixa e nunha data acordada previamente.

Pola súa banda, os locais de hostalería participantes optan a dous premios, un concedido por un xurado profesional e outro por un xurado popular, que en ambos casos serán de 500 euros, unha chaqueta de chef e unha placa conmemorativa desta convocatoria. A edil de Promoción Económica agradeceu a participación da Asociación de Hostaleiros en xeral e dos locais de hostalería que se inscribiron neste concurso “por implicarse nos eventos gastronómicos impulsados dende o Concello”. Así mesmo, animou á cidadanía de Narón e tamén doutras localidades “a achegarse ata estes establecementos para degustar as elaboracións de Entroido que prepararon, votalas e optar aos agasallos desta campaña”.

Olga Ameneiro asegurou que a iniciativa “ten unha moi boa acollida entre a cidadanía e permítenos dinamizar o sector durante estas datas e dar a coñecer a diversidade e calidade da hostalería local”.

Lea también

Marián Ferreiro participa nunha mesa sobre promoción de políticas locais de igualdade coa mocidade

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, participou na mañá deste xoves 28 no segundo Encontro …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *