Ferrol en Común presenta dúas mocións ó pleno deste xoves 27

Unha moción para amosar o apoio á profesión veterinaria, e outra en defensa da reapertura dunha Delegación da CRTVG na cidade de Ferrol.

O Grupo Municipal Ferrol en Común, ao abeiro do disposto nos artigos 104 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta no Pleno da Corporación Municipal unha moción para amosar o apoio á profesión veterinaria.

Exposición de motivos:

«A tenza de animais de compañía subiu exponencialmente nos últimos anos, adquirindo máis consciencia a sociedade polo respecto cara eles e mesmo unha maior sensibilidade no lexislador, que desenvolveu unha historia Lei de protección dos dereitos e benestar animal, a lei 7/2003».

«Existen no estado case 30 millóns e animais de compañía censados. Na nosa comarca son case 50.000 os cans censados. As políticas públicas deben ir cara a convivencia social, o respecto a súa dignidade e a un sistema de protección sanitario que facilite a súa vida. É por iso que non se entenden as limitacións impostas dende o Goberno central que dificultan o desempeño da profesión veterinaria e, por ende, as garantías sanitarias mínimas dos animais de compañía. Esta lexislación abusiva deu lugar a un comunicado da Asemblea Xeral de Veterinarios/as do Estado, que literalmente di: A profesión veterinaria está comprometida co uso racional e sostible dos medicamentos e, en concreto, dos antibióticos, sendo plenamente conscientes do serio problema de saúde que representan as resistencias antimicrobianas».

«Por iso, de forma unánime, solicitan a modificación do Real Decreto 666/2023, do 18 de xullo, polo que se regula a distribución, prescrición, dispensación e uso de medicamentos veterinarios, porque limita esencialmente a actividade do veterinario e, concreta e
particularmente, á hora de prescribir medicamentos en base á evidencia científica e ao propio xuízo do profesional, no que se refire aos seguintes extremos»:

«Existindo ESUAVet (Sistema para a Vixilancia do Consumo de Antimicrobianos) é perfectamente posible e absolutamente imprescindible unha moratoria da obrigación de notificación a PRESVET das prescricións de antimicrobianos, porque é un sistema ríxido e ineficaz de notificación, todo iso para estudar a súa viabilidade e operatividade»

 «Porque restrinxe inxustificadamente o acceso aos tratamentos dos animais, poñendo en perigo o seu estado sanitario e benestar e a Saúde Pública e, porque, en definitiva, as decisións sobre a saúde animal deben tomarse con criterio veterinario e non administrativo».

«Derrogación do réxime sancionador relacionado coas notificacións de prescricións de antimicrobianos a PRESVET, previsto na Lei de Sanidade Animal, substituíndoo por un novo que respecte e garanta a proporcionalidade das sancións. Ademais, a profesión veterinaria reitera, como vén facendo desde anos atrás, que»:

 «Débese habilitar legalmente aos veterinarios, a través da modificación do Real Decreto Lexislativo 1/2015, para a venda polo miúdo (na terminoloxía do Regulamento (UE) 2019/6) con destino aos animais baixo o seu coidado, de todos e cada un dos medicamentos necesarios para a atención dos mesmos, sistema que está implantado na maioría dos países da UE e que demostrou a súa eficacia».

«A modificación do tipo impositivo do IVE aplicable á prestación de servizos veterinarios, reducíndoo do actual 21%, porque penaliza a saúde e benestar animal e, por tanto, a Saúde Pública, xa que encarece os tratamentos e dificulta o seu acceso por parte dos titulares ou responsables dos animais».

«Estas lexítimas reivindicacións da asemblea xeral de veterinarios aquí reproducidas soncompartidas por Ferrol en Común, que insta ao concello»:

1.- «A corporación municipal súmase ás demandas do sector veterinario e insta ao goberno central a cumprir as demandas recollidas na exposición de motivos, desenvolvendo ao efecto os cambios lexislativos pertinentes, de urxencia e en comunicación coa Asemblea Xeral de Veterinarios/as».

2.- «O concello de Ferrol insta ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación á suspensión cautelar do novo sistema de uso de antibióticos en animais».

A outra moción que presenta o Grupo Municipal Ferrol en Común, ao abeiro do disposto nos artigos 104 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais no Pleno da Corporación Municipal,  en defensa da reapertura dunha Delegación da CRTVG na cidade de Ferrol.

Exposición de motivos:

«Os medios de comunicación públicos xogan un papel fundamental na nosa sociedade. Lonxe de interesese económicos deberan estar ao servizo do pobo, ofrecendo pluralidade, obxectividade e control. Non debera ser o seu fin unha conta de resultados se non un servizo público tan necesario como a sanidade, a educación ou a xustiza».

«En tempos de bulos constantes, de fake news, de pseudoxornalismo con afáns golpistas e antidemocráticos, unha radio e televisión pública debera ser abordada polo poder lexislativo sen un afán partidista co único obxectivo de convertelas en altofalantes das súas políticas, en segregadoras de manipulación e ariete contra os que non pensan igual que o goberno da Xunta de Galicia».

«Lonxe de fuxir desta tendencia, o goberno da Xunta de Galicia está a piques de aprobar unha lei no Parlamento de Galicia que dinamita as poucas esperanzas de lograr un medio de comunicación público diverso e plural. Pretende empobrecer a súa estrutura, dotándoa dunha programación externalizada a empresas amigas, cunha producción propia limitada, que aposta polo tradicionalismo máis rancio en canto de pola cultura, pola desinformación en vez do rigor e que mesmo, algo insólito, abre no seu articulado a posibilidade de emisións en castelán, nun novo ataque intencionado contra a nosa lingua, e por extensión, contra a nosa identidade como pobo».

«O vindeiro 11 de marzo vaise dar un paso máis na carreira cara a mutación dun instrumento público cara a unha extensión máis do goberno, un gabinete de prensa descomunal ao servizo de San Caetano, pero financiado con decenas de millóns de euros públicos, algo indecente, sen ningún tipo de ética ou a mínima democracia, máis que a forza duns votos parlamentarios orientados a perpetuarse e gobernar so para quen lles vota, sen ningún tipo de interese nunha Galicia plural, diversa, que quere ser e estar tal e como é, e non do lado so duns poucos. Isto vai imposibilitar a creación de algo tan cabal como un Consello de Informativos ou un Estatuto do Xornalista, mínimos indispensables en calquera radio e televisión públicas. Esta demanda é levada con dignidade cada venres negro á palestra o colectivo de Xornalistas “Defende a galega, máis de 350, malia a represión, o acoso laboral ou a presión diaria mesmo nas súas vidas privadas».

«Hai en Ferrol dous casos palmarios que evidencian o que é obxectivo: o primeiro o desmantelamento da delegación da CRTVG na cidade, no ano 2010, peche ao que o actual rexedor opúxose e que se compremeteu a “abrir vías políticas para recuperar esta delegación”, traballo polo que se ve, de ser feito, con nulo resultado. A este recorte súmase a nula cobertura do Premio José Couso no ano 2019, a única ocasión en que non se mencionou nin nun breve dun informativo en toda a historia, cando resultou premiado, casualidade, o colectivo “Defende a galega”. E moitos máis exemplos, diarios, de manipulación, de intoxicación e de políticas que non fan máis que rebaixar a súa audiencia e xustificar máis e máis recortes, e por iso que Ferrol en Común solicita ao pleno de Ferrol»:

1.-» Instar ao goberno da Xunta de Galicia a reabrir a sede da CRTVG na cidade de Ferrol, con persoal e medios suficientes para dar cobertura informativa dende a inmediatez a toda a nosa comarca».

2.- «Instar á Xunta de Galicia a abrir un debate público sobre unha lei de medios, que conteña un Consello de informativos, un Estatuto do Xornalista e vete ao idioma castelán na nosa canle pública».

Lea también

La urna del Santo Hospital de Caridad de Ferrol se traslada el Sábado Santo a las Angustias

La urna de la Fundación Santo Hospital de Caridad, restaurada por D. David dos Santos …