O auditorio municipal de Narón acolleu onte venres a fase clasificatoria do Club de Debate Alingua entre alumnado dos concellos de Narón e de Ferrol. Participaron, dende as 10:00 ata as 20:00 horas, un total de oito :equipos, tres deles do IES As Telleiras e un do CPR Santiago Apóstol de Narón, e catro do concello ferrolán; concretamente dous do IES Canido, un do IES Concepción Arenal e un do IES Saturnino Montojo.

O alumnado participante debatiu nesta ocasión sobre “A masificación turística é un problema en Galicia”, un tema escollido por eles. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Normalización Lingüística, María Lorenzo, presenciaron a convocatoria, xunto coa técnica de Normalización Lingüística do Concello de Narón, Adela Pita. Nesta fase clasificatoria, os dous equipos gañadores foron o IES Canido e o equipo “Gandariños”, do CPR Santiago Apóstol, primeiro e segundo clasificado, respectivamente.
A alcaldesa de Narón entregou o primeiro premio, valorado en 800 euros, e a concelleira de Ensino de Ferrol, Patricia Cons, o segundo, de 500 euros. Ambos equipos pasan á final que terá lugar en Vilagarcía de Arousa o 26 de abril, xunto cos gañadores das outras fases clasificatorias que se desenvolven estes próximos días en Ribeira e nas que estará presente alumnado dos demais concellos participantes neste proxecto, ademais de dous equipos do IES As Telleiras de Narón.

O alumnado participante tivo que defender a postura a favor e en contra do tema elixido, achegando argumentos, e rebatendo os do equipo contrincante Os debates foron valorados por un xurado composto por especialistas do ámbito editorial, da comunicación, do teatro e da normalización lingüística.
Daniel Romero, técnico de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Fene; Miguel Toval, responsable de Edicións Embora e presidente da Asociación Galega de Editoras; Soraya García, escritora naronesa e docente no Conservatorio Xan Viaño; Henrique Sanfiz de Radiofusión; e Helga Méndez de Maquinarias Teatro foron os encargados de avaliar aspectos como a calidade, orixinalidade e pertinencia na argumentación; a capacidade de refutación; a calidade lingüística e a capacidade de oratoria; a comunicación non verbal; ou o funcionamento como equipo e a seguridade e manexo da situación.
Ferreiro destacou a posta en marcha deste tipo de iniciativas, e a súa importancia de cara á posta en valor da nosa lingua. Así mesmo, valorou a participación e o traballo realizado polo alumnado e o profesorado para preparar os debates, e o dos equipos de normalización lingüística dos concellos implicados nesta iniciativa.

O Club de Debate Alingua é un proxecto cooperativo de dinamización lingüística que busca incrementar o uso oral do galego e ofrecer recursos para a práctica de habilidades comunicativas, así como promover a reflexión, o pensamento crítico e o intercambio de opinións entre a mocidade.
Esta iniciativa, impulsada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Pontedeume, Pontevedra, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Rois, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Narón, diríxese a alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato dos centros de ensino dos concellos participantes e nesta edición participan 32 equipos.
Para máis información pódense consultar as redes sociais do proxecto: Facebook, Instagram e Youtube.