O Auditorio de Narón acolle a estrea da obra Campanas de Bastabales

O Auditorio municipal de Narón acolle este domingo 23, coincidindo coa conmemoración do Día de Rosalía, a representación da obra “Campanas de Bastabales”, da compañía Imaxina-T, do colectivo Celeuma Espazo Alternativo. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e o director do espectáculo, Luis Ramos, presentaron a estrea desta peza teatral.

A representación dará comezo ás 18:00 horas e a entrada é de balde, tal e como anunciaron. As actrices Xoana Rodríguez, Fernanda M. Sixto e Nerea Acebo darán vida ás personaxes de Rosalía, Silvina e Alessandra, respectivamente e María Serantes (“La Tata”) tamén forma parte do elenco desta peza teatral, concretamente na parte musical. A historia parte da morte da recoñecida poetisa galega Rosalía de Castro, cuxa presencia segue presente na súa casa.

A súa filla Alessandra e a rapaza que as coidaba, Silvina, teñen que recoller as súas pertenzas e queimar todos os seus escritos, como ela mesma lles pediu, pero a filla localiza o diario da súa nai e cartas que descobren moitos segredos… “No ano 2001, cando se creou Celeuma como asociación é cando nace esta compañía de teatro e con este espectáculo, como un proxecto de Narón e para Narón”, apuntou Ramos.

Así mesmo, explicou que esta obra é un traballo actualizado “pola dinámica do espectáculo, que parte dunha labor de investigación feita no seu día, documentándonos na Casa de Rosalía e cambiando o texto sobre algúns apartados que queriamos engadir no espectáculo”.

Todo isto, apuntou, para “dar un enfoque máis intimista da vida de Rosalía”. Dende o consistorio animaron á cidadanía a acudir a ver esta peza teatral nun día tan sinalado, no que se conmemora o pasamento da nosa escritora máis universal, dunha das figuras máis importantes da cultura galega. “Este ano cúmprense 188 anos do nacemento de Rosalía de Castro e por iso quixemos programar esta estrea na cidade, a maiores doutras actividades que se levarán a cabo na Biblioteca municipal, como o espectáculo “Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos…» este sábado e a mostra bibliográfica adicada á súa persoa que se pode ver toda esta semana”.

Finalmente, a rexedora local destacou o traballo realizado dende Celeuma en xeral e a súa aportación ao tecido cultural da cidade en particular e da comunidade en xeral.

Lea también

Cariño se prepara para la celebración de una gran jornada festiva con fines solidarios

La Asociación Española Contra el Cáncer celebrará una comida solidaria en la Plaza Roja y …