Investigadoras e tecnólogas do Campus de Ferrol se suman ao proxecto Biblioteca Humana

A sede de Afundación acolle, este venres 21 de febreiro, de 16:30 a 20:00 horas, unha iniciativa de divulgación científica que cambia os libros por persoas e que promove, na cidade departamental, a Asociación de Mulleres e Tecnólogas en Galicia (AMITGAL) en colaboración co Concello de Ferrol e máis coa Universidade da Coruña (UDC).

De esquerda a dereita, Laura Castro, Laura Alonso, Ana Ares, Lucía Santiago, Ana Xesús López e María Jesús Movilla, investigadoras e tecnólogas vinculadas co Campus Industrial de Ferrol que participan, este venres 21 de febreiro, na sede de Afundación en Ferrol, na actividade “Biblioteca Humana” impulsada pola Asociación de Mulleres e Tecnólogas en Galicia (AMITGAL), xunto coa tamén profesora e investigadora da Universidade da Coruña (UDC), Asunción L. Arranz.

Romper estereotipos, este é obxectivo co que nacían, no ano 2.000 e no marco dun festival de música en Copenhague, as Bibliotecas Humanas.

O xornalista e activista Ronni Abergel, o seu irmán Dany e os seus amigos Asma Mouna e Christoffer Erichsen idearon un novo concepto, hoxe estendido a máis de 80 países de todo o mundo, no que se cambiaban os libros por persoas e estas contaban as súas vivencias e experiencias de xeito totalmente desinteresado.

Este proxecto internacional chega á cidade departamental, concretamente á sede de Afundación, este venres 21 de febreiro, de 16:30 a 20:00 horas, da man da Asociación de Mulleres e Tecnólogas en Galicia (AMITGAL) en colaboración co Concello de Ferrol e máis coa Universidade da Coruña (UDC).

A socia de AMITGAL, profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigadora do Grupo Integrado de Enxeñaría no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC), Lucía Santiago, coordina a actividade “Biblioteca Humana: coñece ás investigadoras e tecnólogas que traballan en Ferrolterra”.

Tal e como ela mesma explica, “non se trata dunha actividade expositiva polo que non haberá charlas preparadas que se irán repetindo ao longo da tarde”. As participantes, sete investigadoras e tecnólogas vinculadas ao Campus Industrial de Ferrol, estarán distribuídas por todo espazo e será o público asistente quen se achegue a cada unha delas para iniciar unha conversa.

Xunto con Lucía Santiago, outras seis socias de AMITGAL colaboran nesta iniciativa de divulgación científica. Falamos pois da profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e investigadora do Grupo de Polímeros, Ana Ares; da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigadora do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser, Ana Xesús López; e da tamén profesora na EPEF e investigadora individual Laura Castro, todas elas vinculadas co Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). Completan esta listaxe, a profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía e integrante do Grupo de Investigación Cardiovascular (GRINCAR), María Jesús Movilla; a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo e investigadora no grupo Economic Development and Social Sustainability (EDASS), Asunción L. Arranz; e a graduada en Enxeñaría Naval e Oceánica pola Universidade da Coruña (UDC) e embaixadora de CT Engineering Group, Laura Alonso.

Lea también

Rey Varela además de exponer a Felipe VI el tema de «Abrir Ferrol ao Mar», efectuó otras peticiones claves

En el transcurso de la reunión mantenida con Felipe VI, aprovechando su visita al Arsenal …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *