Psoe Ferrol esixe manter as achegas ás rondallas e os investimentos para a festa das Pepitas

O grupo socialista quere denunciar a «doble vara de medir» do goberno local con respecto a unha das festas máis arraigadas na cultura local, como son As Pepitas. En concreto, a concelleira Eva Martínez denuncia que, malia as súas promesas, «durante estes vinte meses de mandato, o equipo do Partido Popular non só non ten avanzado no expediente para que esta festa sexa declarada de Interese Turístico Nacional, senón que este ano pretende recortar cartos nas actividades propias da celebración».

Segundo asegurou a edil, existe malestar «totalmente fundado» ante a intención de eliminar determinados «gastos» para, segundo as explicacións da responsable de Turismo, atender aos requisitos para acceder á declaración de interese turístico nacional, como os ramos, as bufandas ou os libros de letras e fotos. «Mesmo pretendía reducir o caché un 40% a cada rondalla», afirmou Martínez Montero, que considera «esperpéntico que un goberno que ten maioría absoluta e que vén de aprobar un orzamento, reduza os custos dun evento ao que, supostamente, pretende dar un pulo turístico» . «É dificilmente entendible querer destacar unha festa á que lle quitas cartos», incidiu.

«O noso grupo, que foi o que comezou a tramitar a expediente, reclama que se manteña o programa como se fixo sempre e que os gastos asociados ao expediente se carguen a outras partidas, que para iso o PP ten maioría absoluta», dixo Martínez Montero, que ademais lembrou que «nos orzamentos da propia sociedade mixta de turismo está a partida sobrante correspondente ao salario da xerente que está sen cubrir dende xaneiro de 2024, que ben se podería destinar ás Pepitas e a outras actividades ás que non se lles destina nin un euro, como o Camiño Inglés».

Eva Martínez Montero tamén cuestiona que se poña como excusa do expediente para reducir gastos, concretamente para publicacións en medios, cando «teñen do pasado mandato máis da metade das requridas». «Semella que a concelleira ou non quere recoñecer que nós deixamos parte do traballo feito, ou directamente non se entera de nada», manifestou a edila do PSdeG-PSOE, que engadiu a este respecto que «nunha rápida búsqueda, atopamos máis de dez publicacións de 2023», correspondentes á presentación que se fixera desta festa na Casa de Galicia e o Press trip na cidade, ambos desenvolvidos en marzo de 2023.

A concelleira socialista, así mesmo, critica que en case dous anos de mandato non se teña rematado o expediente. «Perdemos oportunidades, perdemos cartos investidos en anos e mandatos anteriores e, o máis importante, pola inoperancia e incapacidade do goberno local as rondallas perden apoio», dixo a concelleira, que rematou apuntando que «un exemplo dese desinterese foi o da presentación de Ferrol en Fitur, donde a exposición da representante das Pepitas non estivo acompañada nin dunha imaxe desta Festa».

O grupo socialista, de non corrixir esta situación, levará o tema ao pleno de fin de mes, para que o evento, previsto para o día 15 de marzo, luza «con todo o seu esplendor, e non como un sucedáneo de marca blanca polos recortes do goberno local dos populares».

Lea también

O BNG de Ferrol demanda a inmediata reparación dos accesos o IES Sofía Casanova

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol demandou na comisión de urbanismo e obras «adoptar unha solución inmediata …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *