Resonando en el pasado é unha colección de instrumentos que Abraham Cupeiro mostra a través dun concerto -monólogo no que viaxa ao pasado máis remoto da nosa especie a través dos sons dos instrumentos de vento.
Este proxecto, xorde da inquietude de Abraham por coñecer e recuperar instrumentos de todas as épocas e lugares. Algúns deles, construídos polo propio Abraham como o Karnyx -baseouse nunha moeda romana e dista do que se atopou en Tintignac tan só 3 cm- o Cornu, construído sobre uns planos dun exemplar achado en Pompeya e cuxa sonoridade é sorprendente ou a Trompeta natural; primeiro instrumento que fixo, coas técnicas do século XVII. E outros os foi adquirindo ao longo dos anos nas súas viaxes como o Rag Dung, Gaida, Shofar, Chalumeaux, Toba, Schalmei, Zurna,…
Resonando en el pasado viu a luz en 2006 e desde entón máis de 40.000 persoas puideron gozar deste concerto, onde Abraham toca máis de 100 instrumentos ao longo do espectáculo. Desde unha pequena frauta de óso (46000 a.c) ata un gran gran Sousaphone orixinal do século XIX.

Na colección, están representados instrumentos de todas as familias, lugares e épocas e ao longo do concerto, todos eles resoan de novo e dan lugar a interesantes anécdotas, de forma que nos achega á parte máis humana dos instrumentos musicais.
Pedagóxico, ameno, e sobre todo, cheo de emoción Resonando en el pasado é un proxecto para todos os públicos. O concerto celebrarase o venres, 28 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi e as entradas poderán mercarse, próximamente, na páxina web https://aspontes.sacatuentrada.es/ e unha hora antes do concerto na taquilla do auditorio municipal
ABRAHAM CUPEIRO
Abraham Cupeiro (Sarria, 1980), multiinstrumentista e construtor de instrumentos único en España con gran prestixio internacional, recupera instrumentos perdidos no tempo para crear novas sonoridades. Toca preto de 100 instrumentos, pertencentes á súa colección de máis de 200 de todo o mundo e distintas épocas, dos que construíu ao redor de 50.
Ofreceu preto de 250 concertos nos últimos anos, compartindo escenario con prestixiosas orquestras como Royal Philharmonic Orchestra, Mahler Chamber Orchestra ou a Orquestra Sinfónica de Galicia.
En 2023 sobresae o seu traballo con Steven Spielberg para a serie documental de Netflix ‘Life on our planet’ (A vida no noso planeta) e a súa presenza no destacado festival de Gstaad en Suíza.

A música de Abraham Cupeiro forma parte da banda sonora de ‘Gladiator 2’, a película de Ridley Scott estreada en España o 15 de novembro. Harry Gregson-Williams, prestixioso compositor do filme, descubriu o traballo de Cupeiro a través das redes sociais e viaxou ata Galicia para gravar os sons do Karnyx, do Cornu ou do aulós grego para fundilos na partitura da banda sonora, debido á predilección de Scott por este universo.