As Pontes é o sétimo concello galego en volume de corta de madeira.
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado da Concelleira de Industria, Ana Pena, e de representantes das asociacións veciñais do municipio, visitaron, esta semana, as instalacións da empresa “Biomasa Forestal”, no polígono industrial de Penapurreira.
O motivo da visita era dar a coñecer entre a veciñanza unha empresa punteira no municipio, líder no mercado español de fabricación e comercialización de biocombustibles sólidos, principalmente pellets, que dispón, cunha planta deseñada para unha capacidade de produción de 75.000 toneladas de pellets ao ano.
Unha compañía, que en palabras do rexedor local “amosa as potencialidades do sector forestal como eixo dun novo paradigma de crecemento económico, xerador de emprego, centrado na sustentabilidade ambiental e na innovación, a través da produción e comercialización no só de produtos forestais se non tamén a través dos transformados da madeira”
Así mesmo, Gonzalez Formoso tamén fixo fincapé na importancia do sector forestal no tecido industrial do municipio “trátase dun sector que sostén 400 postos de traballo no noso municipio non só, a través de empresas de primeira transformación senón tamén a través da empresas de segunda transformación, con alto valor engadido, tales Adera, Tojeiro Maderas, Galparquet, Contrachapados del Eume, Biomasa Forestal, Carpintería Maciñeira, Carpintería Madesa, Sepo Carpintería, Carpintería Francisco así como de empresas de servizos forestais, como Desbroces Marcos Otero, Desbroces Carlos, e os transportistas vinculados ao sector”
Por outra banda, o alcalde tamén subliñou o liderado do municipio no sector forestal, que “segundo os últimos datos publicados pola Xunta de Galicia, sobre a cadea forestal-madeira (2023-2024) ocupa o sétimo lugar no ránking do 20 concellos en cortas de madeira, con 260.000 toneladas no último ano, cifra que representa un crecemento do 17% con respecto ás sacas do ano anterior e que o converten no concello líder na corta da madeira na comarca do Eume e o segundo da provincia”
Durante o percorrido polas instalacións, os representantes das asociacións de veciños tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o proceso produtivo da empresa, e segundo indicaba Valentín González Formoso, Alcalde das Pontes, a intención é “realizar máis visitas polas diferentes empresas implantadas polo noso Concello para que a veciñanza poida coñecer de primeira man o noso tecido industrial, que actualmente da traballo a máis de tres mil persoas de xeito directo, e que ademais de estar moi diversificado, está vivindo un gran momento”.