«A súa situación persoal, dramática e límite, pon de evidencia un sistema dependente do Estado central que categoriza as persoas como números e non atende aos dereitos humanos básicos» O grupo municipal de Ferrol en Común FeC estivo visitando na porta do EVI a José Ángel Ríos, escoitando as súas demandas e «constatando a súa desesperación porque por parte de ningunha administración se lle ofreza unha saída a unha situación límite, que o abocou a levar a cabo unha folga de fame da que se van cumprir dez días, cun desgaste notorio físico e mental e que afecta con gravidade ao seu entorno familiar».
«Un sistema laberíntico deixa a José Ángel sen emprego e sen posibilidades de acadalo, cunha revisión da súa incapacidade sen ningún tipo de proba médica e pola mera observación, que lle fai perder non só o seu emprego, se non a perspectiva de obter outro pois non pasaría ningún recoñecemento médico mínimo para poder traballar. A día de hoxe está a espera do servizo de valoracións da Xunta de Galicia».
Dende Ferrol en Común consideramos que «a moción presentada hai escasos meses no pleno, denunciando as listas de agarda deste servizo, era acaída e non afrontaba un problema público calquera, como pode ser no ámbito urbanístico ou de transporte, se non que estaba en xogo o mínimo benestar e ata a supervivencia das persoas, e que as solucións propagandísticas anunciadas non ían solucionar un problema estrutural que precisa de reforzos en medios persoais e materias».
«Solicitamos ao gabinete da alcaldía que reciba o alcalde, xunto co resto de voceiros, á persoa afectada para que poida expoñer a súa problemática e tratar de procurar unha solución dende a corporación».