A asociación galega de persoas transplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas Asotrame retomaba tras o nadal as súas sesións de oncoioga en Narón con varias prazas vacantes. De aí que abra de novo as inscricións neste programa de saúde, dirixido a pacientes ou ex-pacientes de calquera tipo de cancro, así como tamén aos seus familiares.
A asociación busca con esta nova convocatoria completar o grupo de persoas que se poden beneficiar da sesión semanal de ioga adaptado, que imparte a especialista Ana Freire. Esta práctica axuda a mellorar o estado físico das persoas participantes, evitando, por exemplo, que a súa musculatura non se agarrote. Para iso exercicios e posturas se axustan ás posibilidades de cada quen. O ioga contribúe ademais ao benestar emocional dos participantes, paliando a habitual ansiedade.
Finalmente, compartir tempo con outras persoas que viviron ou están a vivir un proceso similar axúdalles a normalizar a situación, permitindo tamén un certo desafogo.
As clases, gratuítas grazas ao apoio do Concello de Narón, teñen lugar os mércores, de 9.30 a 10.30 horas, nas instalación de Samsara Integral Yoga, a un paso da Casa Consistorial naronesa.
Para inscribirse hai que chamar canto antes ao teléfono 698 130 684, onde ademais resolverán todas as dúbidas ao redor desta iniciativa saudable. Se a persoa interesada aínda non superara a enfermidade será imprescindible que dispor da autorización do seu equipo médico.