Patrimonio custeará a nova escavación no castro do Sarridal de Cedeira

A Xunta comprometeuse a financiar con 36.000€ a vindeira campaña de escavación, máis custosa do habitual porque levará aparellada a construción dunha pasarela para o tránsito peonil.

Sarridal-archivo

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, xunto co concelleiro de Cultura e Patrimonio, Xosé Antón Arribe Rodríguez, mantiveron recentemente unha reunión coa directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez, para abordar a continuidade dos traballos arqueolóxicos no xacemento arqueolóxico de Sarridal, unha labor na que o Concello e a Xunta veñen colaborando desde 2017 e na que, de novo desta volta, o goberno local agradece a implicación do organismo autonómico.

Así, a Xunta comprometeuse a financiar con 36.000€ a vindeira campaña de escavación, máis custosa do habitual porque levará aparellada a construción dunha pasarela para o tránsito peonil pola zona que se vai levantar.

O proxecto consiste en escavar unha superficie de 100m2 situada baixo o camiño asfaltado que pasa xunto aos restos xa levantados e que se dirixe ao Castelo da Concepción. A área de traballo abranguerá esta pista e tamén unha zona situada ao lado da mesma. A previsión é sacar á luz a continuación do foxo, o pavimento castrexo e o muro con vano que parcialmente xa se descubriron en anteriores campañas, completando así a estrutura defensiva do castro e clarexando a cronoloxía dos seus diferentes elementos.

Para avanzar na escavación arqueolóxica e garantir o paso, construirase unha ponte de madeira. Segundo o proxecto que os responsables municipais de Cedeira presentaron á directora xeral de Patrimonio, o traballo baixo o camiño e a zona contigua terá un custe de preto de 18.000€, mentres que a construción da ponte ten un presuposto de 16.6898€.

Desde o goberno local agradeceron unha vez máis o respaldo da Xunta de Galicia na financiación desta campaña e subliñaron a liña de colaboración que manteñen ambas institucións desde que comezaron as prospeccións arqueolóxicas no ano 2017.

De novo o Concello de Cedeira financiará, tras o remate da que vai custear Patrimonio, outra campaña de traballos cuxo proxecto se presentou tamén á Dirección Xeral de Patrimonio. Neste caso, a previsión é escavar unha superficie total de 64m2 en tres puntos diferentes do xacemento, para poder completar a eshumación de elementos parcialmente descubertos en anteriores campañas. Un deles é unha vivenda de esquinas redondeadas da que se escavaron xa tres muros e da que se descubrirá agora o muro norte; outro é o forno adosado ao muro exterior da mesma vivenda; e outro un espazo situado preto do paramento interior da muralla, no que poderían existir outras estruturas habitacionais.

O traballos arqueolóxicos que se desenvolveron na península do Sarridal ao longo dos anos permitiron confirmar a importancia deste enclave. Descubriuse un monumento con forno que pertence á Idade de Ferro e que ata entón só se tiña documentado na época da romanización. As escavacións foron levantando restos de diferentes épocas e niveis de ocupación que confirmaron que a zona estivo habitada aproximadamente desde o século V a.C. ata o V d.C., de maneira que o xacemento abrangue elementos da cultura castrexa, a romana e tamén a etapa da entrada dos visigodos en Galicia.

Lea también

La playa de Doniños en Ferrol protagonista del cupón de la ONCE del 18 de junio

La concejala de Turismo de Ferrol, Maica García, informó este martes 25 que el ayuntamiento …