Psoe Ferrol denuncia que o centro de día de Caranza se atopa sen calefacción

O Grupo Municipal Socialista denuncia «a grave situación que padecen os usuarios e traballadores do Centro de Día de Caranza, dependente da Xunta de Galicia, que leva todo o inverno sen calefacción sen que o Goberno autonómico tomara medidas urxentes para solucionar o problema. Sorpréndenos que o alcalde da cidade non se preocupe polos usuarios do Centro de Día da súa cidade».

«No canto de ofrecer unha solución inmediata, a resposta foi instalar só catro radiadores e agrupar ás persoas maiores e con patoloxías no único espazo onde os colocaron, deixando o resto do edificio en condicións xeadas. Este parche improvisado non só é insuficiente, senón que vulnera o benestar e a dignidade dos usuarios, moitos deles en situación de especial vulnerabilidade«.

Dende o Grupo socialista esiximos «ao alcalde Rey Varela que xestione con urxencia ante a Xunta de Galicia unha solución para restablecer a calefacción no centro e garanta unhas condicións dignas para os usuarios e usuarias que dependen deste servizo. Non é aceptable que en pleno inverno se tolere unha situación que pon en risco a saúde das persoas usuarias e demostra unha absoluta falta de previsión e compromiso por parte do Goberno autonómico».

O Grupo Municipal Socialista «solidarízase coas familias afectadas e cos traballadores do centro, que están facendo todo o posible para mitigar as consecuencias desta irresponsabilidade. Ademais, anuncia que levará esta situación ás institucións competentes para esixir explicacións e solucións inmediatas».

«Abonda de escusas. A Xunta ten a responsabilidade de garantir o benestar dos nosos maiores e non pode seguir mirando para outro lado».

Lea también

Este jueves, segunda edición de «Ferrol sen glute», actividad desarrollada por Cites

Dentro del Programa “Ferrol cidade aberta ás expresións»  que financia la Diputación de A Coruña, …