O pleno de Narón aproba 1,57M€ do POS para diversas actuacións na cidade

O Concello de Narón acolleu este venres 7 a celebración dun pleno extraordinario no que se aprobou, cos votos a favor de TEGA e BNG e a abstención dos edís do PP e PSOE, un investimento de 1,57 millóns de euros para diversas obras que se cofinanciarán con cargo ao POS da Deputación da Coruña.  As actuacións comprometidas con cargo a estes fondos permitirán mellorar varias vías do termo municipal e tamén instalacións do Concello,  así como avanzar en materia de accesibilidade.

O voceiro de TEGA, Román Romero, recordou que con cargo a esa partida se construirá unha beirarrúa na praza Álvaro Paradela, en Freixeiro, nun tramo entre a estrada de Cedeira e a rúa Noriega Varela; acometeranse melloras viarias en varios camiños da zona rural e urbana e nas áreas de estacionamento da praza de FEVE en Xuvia e do instituto.

A maiores, en materia de servizos, completarase a rede de saneamento na parroquia de Sedes, concretamente no lugar da Rocha, onde se dotará do servizo a unha trintena de vivendas. Esta rede tamén se ampliará na parroquia
do Couto, na zona da Picota.

En canto a edificios municipais, levaranse a cabo traballos de acondicionamento do Centro de Maiores das Vivendas da Mariña, co fin de mellorar a súa accesibilidade, eficiencia enerxética, actualizar a instalación eléctrica e tamén cambiar a súa imaxe. E no local social de San Xiao tamén se mellorará a eficiencia enerxética co cambio da carpintería exterior.

Finalmente, en materia de accesibilidade, acometeranse varias obras na contorna da praza do colexio de Xuvia, concretamente nas rúas Xoán XXIII e Foro e na praza do Concello dende a estrada de Castela.

Lea también

Narón organiza catro novas andainas a través do programa “Ponte en ruta con nós”

A alcaldesa de Narón Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentaron a …