A cantante galega Uxía compartirá escenario coa acordeonista, cantora e compositora portuguesa Celina da Piedade nun concerto moi especial no marco das actividades programadas polo Concello das Pontes con motivo da 44ª edición da Feira do Grelo, que se celebrará os días 1 e 2 de marzo.
![](https://galiciaartabra.es/wp-content/uploads/2025/02/cantante-galega-Uxia-e-cantora-e-compositora-portuguesa-Celina-da-Piedade-As-Pontes-GRELO.jpg)
Uxía é considerada a gran dama da música galega. Nos seus case 40 anos de carreira artística, renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fado e ritmos brasileiros.
Dende a súa estrea con *Foliada de marzo* en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro de diferentes culturas, e creou o seu repertorio a través das súas continuas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, como João Afonso, Dulce Pontes, Rui Veloso ou Tito Paris.
Publicou 12 discos polos que recibiu importantes recoñecementos, entre os que destacan o Premio da Crítica Galicia 2016 ou o Premio ao Mellor Álbum de Música de Raíz nos Premios de la Música Independente de España por “Meu canto”, seleccionado tamén como Top of the World pola revista británica Songlines. Entre outros proxectos, é a directora artística e alma mater do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na maré.
Pola súa banda, Celina da Piedade é acordeonista, cantora, e compositor é considerada unha das personalidades esenciais á hora de achegar a tradición portuguesa ás músicas do mundo e é coñecida polo seu traballo de investigación e divulgación do patrimonio cultural alentejano.
Comezou a estudar música con cinco anos e pouco despois xa actuaba en público. Estudou no Conservatorio de Setúbal, licenciouse en Patrimonio Cultural e fixo un posgrao en Estudos de Música Popular. Colabora desde o 98 coa Associação PédeXumbo, da que é presidenta honoraria (con ela editou o libro Caderno de danças do Alentejo). No ano 2000 integrou o Cinema Ensemble de Rodrigo Leão, e tamén compartiu escenario con figuras do prestixio de Mayra Andrade, Uxía, Ludovico Einaudi, Gaiteiros de Lisboa, António Chainho, Samuel Úria…
Ten tres álbums en solitario, Em casa (2012), Ou cante dás ervas (2014) e Sol (2016) e no ano 2023 foi gañadora do premio Best Live Performance nos Iberian Festival Awards.
O concerto celebrarase o domingo 2 de marzo, ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi e as entradas poderán mercarse na https://aspontes.sacatuentrada.es/ e unha hora antes do concerto na billeteiro do auditorio municipal