A corporación municipal aresana vén de aprobar na sesión plenaria celebrada do luns 3 de febreiro, a proposta de investimento que se contempla dentro do POS+2025 da Deputación da Coruña, o principal instrumento económico para acometer intervencións urbanísticas ou sociais coordinando os fondos do Concello de Ares e a institución provincial.
Dúas serán as principais actuacións que se materializarán con cargo aos fondos da Deputación. A primeira contempla intervir nun tramo da rúa María, o que desemboca na Alianza Aresana, e conlevará unha mellora completa dos servizos e pavimentos.
Estas obras renovarán a infraestrutura de saneamento, que presentan problemas de obturación e lentitude de evacuación, e traballarán sobre o sistema de drenaxe e baixantes de pluviais, mais tamén se executarán melloras na rede de alumeado e de telecomunicacións.
Ao impulso dos servizos sumarase a incorporación de pavimentos e aceiras novas, así como a humanización dun espazo urbano na Praza do Pozo que permita o intercambio social entre a veciñanza e que conte coa súa propia pavimentación diferenciada, de cara a favorecer a convivencia entre vehículos e peatóns.
Toda esta intervención implicará un investimento total de 331.564,01 euros, dos cales 199.806,02 euros proceden da Deputación e 131.757,99 euros, do Concello.
E engadirá unha segunda intervención para o rural aresán, desta volta con cargo ao POS Complementario. Impulsarase o proxecto de mellora e mantemento do camiño de Malata, en Caamouco, para deixar atrás as irregularidades do viario e renovar a pavimentación cun novo aglomerado asfáltico, amais da limpeza das marxes e refinado das cunetas.
A renovación do camiño de Malata contará cun orzamento de 61.650, 78 euros, sufragado con 51.565,19 euros do ente provincial e 10.185,59 euros da administración local de Ares.
REFORZO DO GASTO SOCIAL
Máis aló dos fondos destinados a actuacións urbanísticas, a panorámica do POS+2025 tamén inclúe unha partida destinada integramente ao eido social de Ares.
Deste xeito, o Departamento de Servizos Sociais contará cunha achega de 42.383,10 euros que xa foi aprobada previamente na sesión plenaria ordinaria de decembro de 2024, centrada no reforzo do programa de emerxencias municipais que proporciona apoio económico ás unidades familiares aresáns en situación de vulnerabilidade.
Con estes fondos sufragaranse as necesidades básicas que se detecten no tecido social da localidade cando se atopen en situación de exclusións, dando cobertura a cuestións como a vivenda, a alimentación, a educación ou a saúde, segundo a ordenanza reguladora das emerxencias do Concello.