Santa Mariña inaugura en San Sadurniño o Carnaval

A Asociación Cultural, Recreativa e Deportiva de Santa Mariña do Monte estreará este sábado 8 o tempo de entroido de San Sadurniño cun xantar popular que se celebrará, baixo carpa, ao pé do local social da Golpilleira.

A iso das 13:00 horas haberá unha pequena sesión vermú animada pola solista Marisol e, deseguido, servirase un cocido con todo o que se espera do rei da mesa no carnaval: sopa, cocido, sobremesa, pan, bebida e café. O prezo do cuberto son 27€ para as persoas socias da entidade e 32€ para as non socias. A rapazada menor de 10 anos, gratis.  Hai máis información no 630 811 062 ou no 607 619 310.

Pola tarde, despois de xantar e apousar a comida devagar, actuará a agrupación Los Nostálgicos seguida de novo de Marisol, quen animará o baile de máscaras.

O entroido do Concello, o venres 28
 
A seguinte cita entroideira en San Sadurniño será a que organice o Concello na tarde e na noite do venres 28 de febreiro, ás portas da fin de semana grande das festas máis irreverentes do ano. 
 
A área de Cultura preparou un programa que estará dedicado á rapazada entre as 18:30 e as 20:15h, mentres que a festa para o público en xeral comezará ás 21:00 horas.  Entre os nenos repartiranse seis premios canxeables na libraría Brétema (1º e 2º premio nas categorías individual, parellas e familiar). 
 
Na festa da noite entregaranse sete premios, canxeables neste caso nos restaurantes do municipio: dous vales de 35€ en xuvenil individual, dous polo mesmo importe no apartado de persoas adultas que participen individualmente, outros dous premios de 120€ cada un para grupos de ata 8 persoas e, por último, un vale de 280€ para a mellor comparsa, que deberá contar con máis de 8 integrantes e animación  musical. 
 
As inscricións poderán formalizarse do 17 ao 27 de febreiro na Casa da Cultura ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Tamén se poderán anotar o mesmo día ata as 18:30h na carpa instalada na Praza Ramón Díaz Raña. 
 
Máis entroidadas: en Naraío o 8 de marzo e en Lamas o 15
 
A AVV O Castelo organiza o seu entroido o sábado 8 de marzo. Como vén sendo habitual nos últimos anos, a entidade partirá a festa e en dúas sesións, unha de tarde e outra nocturna. 
 
A primeira delas, dirixida á cativería, comezará ás 17:00h ofrecendo un obradoiro de chapas coa temática dos superheroes. O obradoiro enlazará directamente co Cantabaila de carnaval de LaGuaGua, con moita música e xogos divertidos para as nenas e nenos, pero tamén para as mamás e papás.  Á noite, sobre as 22:30h, o local social da Veiga acollerá un baile de máscaras animado neste caso pola solista Patry Prados. Haberá agasallos para os mellores disfraces.
 
Pola súa banda, a AVV Xuntanza de Lamas celebrará o entroido o sábado 15 de marzo cun xantar a base de sopa de cocido, cocido e doces deste tempo, acompañado de pan, bebida e café.  O prezo para persoas socias será de 22€, mentres que as non socias deberán aboar 26€ (gratis para a rapazada menor de 12 anos). Hai que anotarse antes do 10 de marzo nos teléfonos 618 838 760 ou 664 203 738. Ademais dun bo xantar -no que quen queira poderá ir de máscara- tamén  haberá unha sobremesa musical cunha actuación sorpresa.
 

Lea también

Se inaugura la exposición “Das Crebas”, de Xosé Luis López en el Ateneo Ferrolano

El Ateneo Ferrolano presenta la nueva exposición del artista gallego Xosé Luis López (Das Crebas), …