O Concello de Narón iniciará unha nova campaña de benestar animal e salubridade pública co fin de detectar posibles infraccións á Ordenanza municipal do Consistorio sobre a protección e tenza de animais de compañía e animais potencialmente perigosos.
O edil de Medio Ambiente, Manuel Ramos, avanzou que serán axentes da Policía Local sen o uniforme reglamentario –tras acadar o permiso da subdelegación do Goberno na Coruña para esta campaña- os encargados de velar en diferentes espazos da cidade polo cumprimento desta normativa.
Os axentes verificarán se os cans levan o microchip obrigatorio, se van atados con correa e se os propietarios recollen as deposicións. A maiores, no caso de animais de raza considerada potencialmente perigosa, tamén verificarán que os donos ou portadores teñan a correspondente licenza, que os cans estean rexistrados no correspondente concello e que levan o bozo axeitado e cadea ou correa –que nestes casos debe ser extensible e non superior a dous metros-.
Ao mesmo tempo tamén se levará a cabo unha campaña de control de felinos, co fin de comprobar o cumprimento da normativa que dende o 29 de setembro do pasado ano obriga á identificación e esterilización cirúrxica destes animais.
Dende o Concello, tal e como recordou Ramos, “realizáronse campañas informativas nesta área, polo que se seguirá controlando que se cumpra, ao ser de vital importancia para acabar coa situación que sofren os gatos ferais ou rueiros”.
Estas medidas apostan tamén por loitar, segundo recordou o edil naronés, contra o abandono ou perda de gatos sen esterilizar, que acaban nas colonias felinas porque non son recuperados, o que imposibilita o seu control e supón un importante retroceso no benestar animal desta especie. As sancións por non cumprir con esta obriga, dacordo coa normativa estatal, ascenden a miles de euros.
No que respecta á salubridade pública, a non recollida por parte das persoas das deposicións dos seus animais nas vías públicas será sancionado con multas de 100 ata 500 euros, tal e como establece a normativa de aplicación.
O concelleiro de Medio Ambiente explicou que as campañas se realizarán en horarios e días aleatorios, avanzando que se dilatarán no tempo ata que se conste un maior cumprimento da normativa.