A Deputación destina 298.476,71€ á mellora de ‘O Confurco’ da asociación ASFEDRO

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade o convenio de colaboración polo que institución provincial destinará 298.476,71 euros para financiar as obras de mellora do edificio que acolle a comunidade terapéutica ‘O Confurco’, da Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO).

Fuente Diputación de A Coruña

Esta nova achega súmase á realizada en 2023 para renovar a cuberta da edificio, que data dos anos 50, e “amosa o apoio da Deputación ao importante labor que desenvolve ASFEDRO na rehabilitación de persoas drogodependentes”, segundo afirmou o presidente, Valentín González Formoso.

Fuente Diputación de A Coruña

A achega da Deputación supón o 80% do orzamento total dun proxecto que desenvolverá unha redistribución integral do edificio para mellorar a súa accesibilidade e habitabilidade, coa fin de incrementar as prazas da comunidade terapéutica ata un total de 25, tres máis ca na actualidade.

Así, está prevista unha adaptación para actualizar os espazos e adaptalos aos novos estándares de uso, funcionais e normativas. Neste sentido, os traballos conducirán a unha reestruturación integral do inmoble para converter as dependencias antigas en espazos útiles no referente ás novas demandas, necesidades, patoloxías e tratamentos.

Deste xeito, sen variar a configuración arquitectónica do inmoble, na planta baixa e na alta mantéñense os criterios organizativos e plantexamentos de uso espacial do edificio orixinario, cun eixo central de corredores lonxitudinais, zonas de entrada e comunicación vertical a través de escaleiras.

No piso inferior está prevista unha actuación que se concrete nun novo vestiario para persoal, aseos xerais accesibles, un ximnasio con maior versatilidade de usos, a enfermaría, novos despachos e unha área para obradoiros, ademais dun imprescindible elevador do que o centro carece a día de hoxe. Mentres, a planta alta destínase a dormitorios de pacientes distribuídos en dormitorios dobres e individuais, un deles adaptado para unha persoa con algún tipo de discapacidade funcional e todos eles con aseo. Na actualidade, os cuartos son para tres ou catro persoas

A maiores, adaptaranse as instalacións existentes cun novo reparto e distribución de saneamentos, abastecemento de auga e rede de calefacción. O anexo exterior ao edificio, actualmente en desuso e na actualidade destinado a almacén, tamén sufrirá unha adecuación para transformalo nun espazo de ocio deportivo.

Instalacións de Asfedro-archivo

Unha das tres comunidades de Galicia

O Confurco’ foi fundada en 1990 e na actualidade é unha das dúas únicas comunidades terapéuticas para drogodependentes da provincia da Coruña e unha das tres de toda Galicia. O edificio, de construción militar dos anos 50, está situado na parroquia de Doniños, no Concello de Ferrol, nunha zona illada da poboación. Ata este proxecto, as únicas obras de acondicionamento datan do último lustro, foron a substitución das xanelas e da cuberta-tellado e ambas contaron coa colaboración económica da Deputación da Coruña.

Nesta comunidade terapéutica realízanse tratamentos de deshabituación en réxime residencial, orientados a dar resposta satisfactoria a determinados pacientes drogodependentes cunha recuperación que se considera difícil no seu medio. O seu ámbito de actuación é de Ferrolterra, Eume e Ortegal, aínda que recibe pacientes de toda a provincia derivados doutras unidades asistenciais de drogodependencias. A súa media anual de usuarios é de aproximadamente 63 persoas.

Lea también

O BNG reúnese co persoal da residencia de Caranza

O BNG realizou unha visita á residencia de maiores de Caranza acompañados da presidenta e …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *