As Pontes aproba o IV Plan Municipal de Igualdade

A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou, esta semana, o IV Plan Municipal de Igualdade, un conxunto de accións e medidas que se deben aplicar en diferentes áreas municipais, co obxectivo de acadar a igualdade efectiva, de trato e oportunidades entre mulleres e homes.

Este novo Plan, en palabras da Tania Pardo, responsable da área de Igualdade do Concello das Pontes, responde, “ao firme compromiso do grupo de goberno coa igualdade, a diversidade e a loita fronte a violencia de xénero e outras violencias machistas”

Así mesmo, Tania Pardo apuntou que “o IV Plan Municipal de Igualdade baséase en tres principios reitores; a trasversalidade para lograr que a diversidade de preocupacións e experiencias das persoas sexan parte integrante na elaboración, posta en marcha, control eavaliación das políticas e dos programas municipais en todas as esferas (política, económica e social); a interseccionalidade, recoñecendo a incidencia cruzada de diferentes factores nas situacións de exclusión e discriminación social de cara mitigalas e a xeración de espazos e canles comunicativas que propicien a participación da cidadanía na posta en marcha de accións encamiñadas á consecución dunha sociedade máis igualitaria, inclusiva, diversa e libre de violencias machistas”.

O IV Plan Municipal de Igualdade do Concello das Pontes elaborouse a partir dun proceso participativo, contando coa colaboración activa do persoal técnico e político municipal e coa participación das asociacións veciñais, culturais, deportivas, educativas, sociais e empresariais do municipio así como de entidades en materia de diversidade sexual e de xénero, sindicatos, centros de ensino, Forzas e Corpos de Seguridade e centros sanitarios, entre outros.

Para a súa redacción, seguíronse distintas fases entre as que se atopa unha fase de diagnose que incluíu á análise dos anteriores Plans Municipais de Igualdade, a revisión do marco normativo vixente, a análise cualitativa e cuantitativa de datos estatísticos en materia de igualdade, así como entrevistas individuais e grupais co persoal técnico e político municipal e cos axentes sociais chave

A continuación procedeuse ao deseño do plan de acción coa posta en marcha de diferentes mesas de traballo por áreas para definir os obxectivos xerais e específicos do Plan e concretar medidas para cada liña de traballo, seguidamente procedeuse ao deseño das medidas do plan de acción e do procedemento para o seguimento e avaliación do plan.

O plan Municipal consta de seis seis liñas estratéxicas de acción. A primeira liña e a liña de transversalización do enfoque de xénero nas políticas municipais, conformada por catro obxectivos e 11 medidas de acción encamiñadas á consecución da incorporación da perspectiva de xénero de forma transversal no funcionamento das diferentes áreas municipais.

A segunda liña estratéxica, conformada por un obxectivo e catro medidas, está encamiñada á promoción dunha cultura e deporte igualitarios, libres de violencia de xénero e outras violencias machistas, para proporcionar ferramentas para a promoción da igualdade e a erradicación das violencias entre o tecido social, cultural e deportivo no municipio .

Pola súa banda, a liña estratéxica número 3, conformada por catro obxectivos e nove medidas, está encamiñada a erradicar os discursos de odio e as violencias machistas nos espazos municipais, dándolle visibilidade á diversidade sexual e de xénero, a intervir no ámbito educativo para combater de raíz os discursos de odio, e a incorporar a interseccionalidade ás políticas públicas en materia de xénero.

A cuarta liña estratéxica, de saúde e calidade de vida, está conformada por un obxectivo e inclúe tres medidas dirixidas a reforzar a perspectiva de xénero en todos aqueles ámbitos a nivel municipal vencellados co benestar físico e socio-sanitario.

A liña número 5, de emprego, mercado laboral e conciliación, ten tres obxectivos e nove medidas dirixidas a incorporar a perspectiva de xénero e a igualdade de oportunidades ao mercado laboral municipal, promovendo a mellora da conciliación, a corrección da segregación e a división sexual do traballo, a mellora da empregabilidade das mulleres, o emprendemento feminino.

Finalmente, a sexta liña estratéxica, de participación cidadá igualitaria, está conformada por dous obxectivos e seis medidas encamiñadas a promover a participación das mulleres no tecido asociativo e movemento cultural do municipio, facendo fincapé na necesidade de facelodesde unha perspectiva interseccional. Para isto, as medidas están dirixidas á creación de redes de apoio interxeracionais e entre mulleres locais e migrantes, a capacitar a entidades locais en materia de xénero e igualdade, á difusión das actividades entre as mulleres migrantes, a estudar as necesidades da poboación xuvenil, entre outras.

Lea también

Sequeiro toma el relevo como sede de la XXII Muestra de Asociaciones de Valdoviño

Está organizada por las entidades vecinales, culturales y deportivas, con la colaboración del Ayuntamiento y …