Moeche se prepara a IX Feira da Faba

A nave do Mercado de Moeche acolle este sábado 25 de outubro a novena edición da Feira das Fabas, a cita coa que se pretende darlle novo pulo a un cultivo tradicional vido a menos que noutro tempo foi importante complemento económico para moitas familias e que hoxe pode volver ser unha opción ben interesante, quer en fresco, en seco ou como produto elaborado.

A IX Feira das Fabas de Moeche arrancará ás 10:00 horas, ata as 15 horas, con moita cantidade e variedade para mercar combinada con outra oferta alimentaria, de artesanía e tamén de actividades paralelas que se prolongarán até a tardiña, entre elas a degustación de fabada a prezos populares que servirá a AVV de Labacengos. No recinto está todo practicamente listo e só se agarda que o único aspecto que non depende da organización, o tempo, respecte a feira… ainda que estaremos baixo cuberto.

A feira xuntará no mesmo espazo a oferta habitual dos mercados dos sábados con outros produtos de temporada, principalmente as fabas que achegarán os postos da comarca e tamén da zona da Mariña luguesa. Este mercado especial do sábado 25 ten confirmada a participación de 21 postos, entre os que cómpre citar Fabas Sanjurjo, Terras de Lourenzá , novos produtores e  variados expositores con chacinas, pan e empanadas, froita, peixe… e tamén artesanía, coiro, pintura, xoieria en madeira, etc. E como en toda boa feira estará aberta a nave do polbo e o posto dos saborosos churros. Con cada compra no Mercado que se entregarase un ticket para o sorteo de lotes de produtos.

A xornada estará amenizada pola actuación da charanga Vai Rañala Meu, concurso de debagado de fabas, o sorteo de lotes de produtos e a degustación a prezos populares, das saborosas e abundantes racións de fabada preparada pola AVV de Labacengos.

En canto á oferta de actividade paralela, o Concello preparou un programa que atende a todas as idades. Pensando na cativería, ás 12.00 horas organízase para a xente miúda e tamén para os adultos un concurso de habilidade e rapidez no debagado de fabas, no que poderán inscribirse ata minutos antes do seu comezo. Premiarase a quen saque do bagullo máis fabas en menos tempo.

Segue a actividade para os máis pequenos ás 12.15 horas co Obradoiro infantil da man de MOUPI Regalos; a inscrición efectuarase no mesmo espazo antes de comezar

E ás 12:30 horas, o máis agardado, comezará a servirse a fabada que preparará, un ano máis, a Asociación Veciñal de Labacengos. Como ocorreu en anteriores ocasións, ninguén quedará con fame xa que as racións son ben completas. Con prezos populares, e por un pouco máis tamén se poderá levar para a casa máis cantidade nun recipiente plástico facilitado pola entidade.

Cómpre recordar, ademais, que se se quere complementar a dieta tamén estará aberta a nave do polbo con saborosas táboas de cefalópodo e/ou churrasco. A aínda hai unha alternativa máis para xantar: acudir a algún dos restaurantes e casas de comidas de Moeche, para o que se aconsella reservar antes.

“Exposición terrorífica” da rapazada do Consello Local de Infancia e Adolescencia

Os rapaces de maior idade do CLIA de Moeche ofrecerán na mañá do sábado a súa Exposición Terrorífica, unha mostra creada polo grupo adolescente Irmandiñ@s do 23, no marco do Consello Local de Participación da Infancia e Adolescencia (CLIA) de Moeche. A exposición achéganos á realidade dos discursos de odio e ás consecuencias das políticas autoritarias e represivas, convidando á reflexión e ao compromiso pola defensa dos dereitos humanos. A actividade forma parte das iniciativas impulsadas polo CLIA para promover a implicación da mocidade na vida social e cultural do municipio.

Programa da IX Feira das Fabas de Moeche

10.00 horas Apertura dos postos de exposición e venda de faba, ademais dos habituais de todos os sábados con produtos locais e artesanía.
12.00 horas Concurso de debagado de fabas para persoas adultas e rapazada.
12.15 horas Obradoiro infantil da man de MOUPI Regalos.
12.30 horas Inicio da degustación de fabada (prezos populares) elaborada pola AVV de Labacengos
13.00 horas Actuación da charanga Vai rañala meu ! (Rede Cultural da Deputación da Coruña)
14.00 horas Sorteo de lotes de produtos da feira. Os boletos entréganse de balde por cada compra efectuada na xornada.
15.00 horas Clausura da feira.

Nesta novena edición da feira das fabas de Moeche, o Concello conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña e da AVV de Labacengos.

Lea también

Dobre cita festiva en Neda coa “Senda das ánimas” e co Magosto

Neda vive este sábado 25 unha tarde de festa por todo o alto coa celebración …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *