Oito centros de ensino de Narón participan na sexta edición das Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria. O Concello organizou un ano máis esta convocatoria, dirixida a alumnado de quinto curso de primaria e que se desenvolve entre este mes e o vindeiro marzo.
O edil de Seguridade Cidadá, José Oreona, indicou que se está traballando cos colexios Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Piñeiros, O Feal, Santiago Apóstol, A Solaina, Ayala e Virxe do Mar e avanzou que o vindeiro 18 de marzo, ás 10:00 horas, se celebrará no Pazo da Cultura a final desta edición, na que participan un total de 226 escolares.
Este ano trátanse cinco bloques: educación viaria, educación ambiental residuos e reciclaxe, matemáticas relacionadas coa educación viaria, inglés relacionado coa educación viaria e primeiros auxilios. Durante estes tres meses, realizarán un proxecto dunha campaña nas aulas, coa temática “Mobilidade escolar e educación viaria”, gravada en vídeo e que puntuará un tribunal o día da final no Pazo, valorando a creatividade e orixinalidade, a posta en escena, o impacto da mensaxe na sociedade e a innovación.
Será tamén un xurado o que valore na xornada final as maquetas que elaborarán nos centros sobre “Como mellorarías o teu entorno escolar en relación coa mobilidade e educación viaria?”, que o alumnado defenderá na final.
Así mesmo, o vindeiro mes de febreiro os escolares participarán nunha xincana de bicicletas que avaliará un tribunal puntuando a cada participante para ter unha media por aula que puntuará na fase final. Nesa última fase os nenos e nenas realizarán unha proba no Pazo a través da plataforma Kahoot, con seis participantes por centro para responder a un test con 35 preguntas sobre as materias incluídas no temario. As catro probas determinarán aos finalistas e aos equipos gañadores dos tres premios habilitados para esta convocatoria, na que ademais todos os participantes recibirán un diploma acreditativo da súa participación.
“Trátase dunha convocatoria que ten un marcado carácter formativo e, ao mesmo tempo, lúdico, ofrecendo a posibilidade de formar ás nenas e nenos nunhas materias tan importantes como a educación e a seguridade viaria, de moita utilidade no seu día a día e tamén para formalos como peatóns, ciclistas e posibles futuros condutores e condutoras”, asegurou Oreona.
O edil naronés recalcou que “a implicación do goberno local nesta área está sobradamente demostrada e por este motivo, celebraremos tamén na cidade a primeira edición das Olimpíadas Galegas de Seguridade Viaria”. Oreona avanzou que o equipo gañador das VI Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria será o que represente á cidade nas olimpíadas galegas o vindeiro 19 de marzo.