Narón destina preto de 500.000€ a accións formativas dirixidas a 334 desempregados

O Concello de Narón destinará este ano un total de 499.383 euros a varias accións formativas dirixidas a persoas desempregadas. Así o avanzou a concelleira de Formación, Natalia Hermida, informando que nesta área se impartirán dez cursos do programa municipal (algúns deles con varias edicións), financiado integramente con fondos propios do Concello, e outros sete (un con dúas edicións) con certificado de profesionalidade concedidos ao Consistorio.
 
 
Todas estas accións formativas desenvolveranse nas instalacións do Centro municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. A través do programa municipal de Formación levaranse a cabo cursos de: Peixería; Prevención Riscos Laborais; Permisos de conducción: C (camión) +E (tráiler) e D (autobús) dos respectivos CAP; Ponte guindastre; Reposición e Caixa; Carretilla elevadora e PEMP; Pintura de edificios; Electricidade fotovoltaica; Carretilla elevadora e PEMP e Prevención riscos Laborais.
 
“Trátase de accións formativas para persoas desempregadas, maiores de 18 anos e empadroadas en Narón, que terán prioridade á hora de realizalas”, recalcou Hermida. En canto aos certificados de profesionalidade, as accións formativas serán as de: Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; Soldadura MIG/MAG; Traballos de carpintería e moble; Emprego doméstico, Xestión de residuos urbanos e industriais, Montaxe de mobles e elementos de carpintería e Soldadura TIG. Hermida explicou que estes cursos son tamén para persoas desempregadas, pero non exclusivamente de Narón, podendo optar aos mesmos, a través das súas respectivas Oficinas de emprego, as persoas que estean interesadas, independentemente de onde estean empadroadas”.
 
A concelleira naronesa destacou que “con cargo a estas dúas modalidades impartiranse unhas 5.800 horas de formación, podendo acudir aos cursos un total de 334 persoas”. Unha parte dos cursos terán unha parte práctica nas empresas do sector que colaboren co Concello no proceso formativo, ás que a edil agradeceu a súa colaboración e implicación. A maiores, dende o Concello mantense un convenio de colaboración coa Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), a través do que se coopera no desenvolvemento doutras actividades formativas para persoas desempregadas da comarca e impartense tamén accións do Programa Integrado de Emprego, dirixido a un centenar de mulleres da comarca e subvencionado pola administración autonómica.
 
Hermida recordou que o Concello dispón dunha importante ferramenta, Conectad@s polo emprego, para traballar transversalmente nesta área facendo uso dos servizos de formación e emprego permanentes de Narón: o de intermediación laboral, a orientación laboral, o servizo de emprendemento e programa municipal de formación.
 
Toda a información ao respecto pode consultarse na web naron.gal, no entrechán do Concello presencialmente ou a través do número de teléfono 981 337 700 (extensión 1123).

Lea también

Club Arco Narón obtiene la plata en el Cto Gallego de Equipos de Club indoor

Este pasado domingo 19 en A Rua (OU) se celebró el Campeonato Gallego de Equipos …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *