O CER de Ares acada as 14 colonias activas e máis de cen felinos baixo supervisión

Os voluntarios deste grupo de captura, esterilización e retorno de felinos, en coordinación co Concello de Ares, veñen de presentar os seus resultados na xestión de parte da poboación de gatos. A súa labor é fundamental non só pola entrega do seu tempo e traballo de xeito altruista, senón tamén polos obxectivos ecolóxicos que axudan a cumprir, contribuíndo a unha mellora da saúde pública e do benestar animal.

A concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, presentou esta semana no consistorio os resultados do 2024 do grupo de Captura, Esterilización e Retorno (CER) de Ares, un conxunto de 20 voluntarios da vila que axudan ao control e xestión das 14 colonias felinas existentes na actualidade pola contorna municipal.

Deste xeito, o grupo CER de Ares, activo dende 2016 e consolidado como unha das primeiras iniciativas de participación cidadá da comarca baixo esta metodoloxía de supervisión da poboación felina, vén de desgranar os seus datos de actividade: o 2024 rematou con 130 gatos nas colonias municipais; 35 esterilizacións, en colaboración co Refuxio de Animais de Mougá e a Clínica Veterinaria San Antonio de Ares, e 31 gatos adoptados por unidades familiares a través do CER.

Ademais, dende 2023 incorporáronse á rede municipal do grupo 6 novas colonias felinas. A propia concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, aproveitou a presentación dos resultados para resaltar “a enorme labor que desenvolve o voluntariado neste proxecto, entregando o seu tempo a un traballo que coida tanto dos animais como da saúde pública do municipio. Dificilmente poderían terse estes resultados sen a súa involucración”.

Para a edil, o CER actúa como unha “ferramenta fundamental no control ecolóxico de pragas de roedores e insectos, pero tamén logramos que os gatos teñan unha supervisión da súa saúde e das súas condicións sanitarias”.

A través da coordinación da sociedade civil e o Concello, o grupo garante a captura de gatos que vivan en determinas áreas do municipio, a súa desparasitación, esterilización e retorno ao seu lugar de orixe, fortalecendo tamén o propio control da reprodución masiva dos animais.

“Logramos establecer un proceso estable de colaboración”, apunta Lucía Blanco, “de tal xeito que o Concello solventa as necesidades loxísticas das colonias, os voluntarios xestionan o día a día e levan o seguimento dos felinos e, finalmente, os servizos veterinarios de Mougá e a Clínica San Antonio de Ares encárganse dos chequeos sanitarios e as esterilizacións”.

UN CHAMAMENTO Á COLABORACIÓN

Xunto co agradecemento ao actual voluntariado, dende a Concellaría de Medioambiente tamén estenden un convite ás persoas que desexen sumarse á iniciativa do CER: “aínda é posible ampliar a rede se contamos con máis mans, con máis coidados”.

Con todo, non só se precisan voluntarios nas colonias, tamén “casas de acollida temporal para os gatos” e “persoas que axuden no amansamento dos felinos”. Para ampliar información ou incorporarse ó proxecto, o Concello pon a disposición da veciñanza o correo electrónico lucia.blanco@concellodeares.com.

Lea también

Valdoviño acoge una nueva edición del Programa Integrado de Empleo

El Centro Sociocomunitario de Valdoviño se vuelve a convertir en uno de los espacios formativos …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *