O edil de Seguridade Cidadá de Narón, José Oreona, e José Fresco, de La Fuga Cycling, presentaron na mañá deste luns 20 no Consistorio a iniciativa Biciescola, unha proposta impulsada a través do equipo de Educación Viaria de Narón e dirixida a persoas de entre 3 e 70 anos interesados en aprender a andar en bicicleta.
O edil naronés indicou que o vindeiro mes de febreiro se levarán a cabo as clases, a cargo de monitores/as especializados, nas inmediacións do pavillón da Mocidade, na Gándara, ou en caso de choiva no propio pavillón. Establecéronse dous niveis, un de iniciación e outro avanzado, en función dos coñecementos previos de cada persoa.
As clases terán unha duración de dúas horas, tres cada día, e impartiranse dous sábados. O prezo é de 13,05 euros por participante, incluíndo seguro de accidente, e poderán acudir un máximo de oito persoas por cada un dos niveis.
O representantes de La Fuga Cycling calificou esta iniciativa do Concello como “fantástica”, en canto que hai “unha gran sensibilidade de xente maior con falta de confianza para andar en bici”. Así mesmo, destacou que se trata “dunha aposta importante para fomentar a mobilidade noutro tipo de vehículo”.
Pola súa banda, o edil de Seguridade Cidadá agradeceu a colaboración da empresa nesta e outras iniciativas municipais e tamén a oportunidade que brindará o último día a aquelas persoas que queiran aprender a manexar unha bicicleta eléctrica e coñecer de primeira man as súas capacidades.
As persoas interesadas en asistir deben inscribirse a través do mail: seguridadevial@naron.gal ou presencialmente na Oficina de Educación Viaria do Concello de Narón (na planta baixa do Consistorio). Para obter máis información sobre esta iniciativa tamén se pode chamar aos números de teléfono 600 448 730 e 666 438 222.