Os bombeiros de Narón realizaron en 2024 preto de 600 intervencións

Os bombeiros de Narón realizaron o pasado ano un total de 592 servizos. Así o indicou o concelleiro responsable do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón, José Oreona, incidindo na diminución con respecto a anteriores exercicios de actuacións como as relacionadas cos servizos apícolas. Aínda así, estes últimos ascenderon o pasado ano a 217, maioritariamente na zona urbana da cidade.

No que respecta ao resto de actuacións dos bombeiros, tal e como explicou Oreona, rexistráronse un total de 197 asistencias técnicas (cortes e retiradas de arbolado; retiradas de postes de telefonía, limpezas viarias por accidentes, apertura de portas…); interviñeron en 77 incendios (unha parte importante deles en vivendas e maioritariamente nos barrios da Gándara e Santa Icía), en 39 accidentes de tráfico e 43 servizos de prevención, sendo as restantes intervencións as vencelladas a rescates de animais e persoas.

A maiores, o edil do SPEIS recordou que os bombeiros de Narón continúan traballando nos Plans de Intervención Operativa (PIO´S), uns documentos, explicou, cos datos e planos máis relevantes para os profesionais sobre diversas edificacións ou eventos de interese e con riscos asociados para poder actuar dun xeito máis sinxelo no caso de que se rexistre algunha emerxencia. A formación continua destes profesionais realizando prácticas diarias é outro dos aspectos valorados dende o Consistorio.

“Os bombeiros de Narón levan a cabo un servizo exemplar ao longo do ano na nosa cidade e tamén noutros concellos que en ocasións requiren os seus servizos”, destacou Oreona. O concelleiro recalcou que “ademais dese traballo adican parte do seu tempo a representar á nosa cidade en destacados eventos deportivos e o pasado ano, trala dina que asolou parte da comunidade valenciana, tamén deixaron patente a súa vertente máis solidaria, desprazándose parte dos bombeiros ata localidades como Paiporta para axudar e tamén cubrindo as súas horas o resto de compañeiros do servizo para que puidesen desprazarse”.

Lea también

La Xunta inicia en Narón la conversión de un local vacío en 14 viviendas públicas

Esta actuación, con una inversión de 1,6 M€, permitirá transformar en hogares unos locales que …