O grupo socialista reclama do goberno local que arranxe e manteña as letras de «Ferrol» instaladas en 2021 durante o mandato socialista. A concelleira Eva Martínez lamenta que unha das atraccións turísticas da cidade, especialmente para os peregrinos que inician no porto o Camiño Inglés, estea nun estado «francamente mellorable»
O grupo socialista solicita o arranxo das letras de «Ferrol» instaladas co obxectivo de promocionar a cidade, «e que non teñen sido obxecto de labor de mantemento ningún ao longo do ano e medio de mandato»
A concelleira socialista Eva Martínez Montero informou que «o paso de tempo e tamén o vandalismo, xunto cunha evidente falla de mantemento por parte do goberno local deixan que as letras se atopen nun estado francamente mellorable».
Para a edil, resulta «sorprendente» que tanto o Concello como a Autoridade Portuaria, que Martínez Montero lembra que, utilicen estas letras para presentar diferentes eventos e actividades institucionais, pero que nin a administración que as colocou, e sufragou, nin a propietaria do solo sobre as que se teñen instalado «teñan movido un dedo para que estas letras, convertidas nun dos principais atractivos turísisticos, sobre todo para as redes sociais, luzan nun bo estado». Por iso, a concelleira do grupo municipal socialista, «urxe a mellora das letras (limpeza, retirada de pegatinas e pintado das mesmas) e que se acorde coa Autoridade Portuaria un plan de mantemento e seguridade das mesmas».
Hai que lembrar que «a instalación destas letras fíxose realidade en setembro de 2021, e que para iso pensouse nun deseño de gran tamaño nun dos puntos máis visitados da cidade, como é porto, dende ademais parte a ruta xacobea do Camiño Inglés». «De feito, é case de obrigado cumprimento a foto dende ditas letras a modo de kilómetro cero», destacou Martínez Montero, que afirmou que «a maior parte de peregrinos usan ditas letras como punto de partida do Camiño, posto que a pedra de inicio esté nun lugar moi pouco acaído e non ten unha estética moi destacada precisamente».