O BNG de Narón, na Asemblea celebrada ao remate do 2024, renovou os membros do Consello Local, continuando Marta Grandal como responsábel local.
A Asemblea Local do BNG de Narón celebrouse a finais do 2024, a cal aprobou por unanimidade a renovación dos membros do Consello Local, que sigue encabezado por Marta Grandal como responsábel do mesmo. Acompañando a Grandal están Anxel Rial, Marcos Sánchez, Olaia Ledo, Geno Carballeira, Daniel Cánovas, Beatriz Mosquera, Manuel Teijeiro, Daniel Agulló, Ana Mouriño e Pablo Melaski; todas e todos eles persoas militantes cunha traxectoria no BNG e en distintos eidos do movemento asociativo, persoas con ganas de traballar pola continuidade á alza do BNG no ámbito municipal e do resto do país.
O BNG acadou en Narón datos históricos nas últimas eleccións municipais e nas galegas, e aumentou a súa militancia no período entre asembleas nacionais nun 25,7 %. “É importante que siga medrando a organización e que sexamos cada día máis persoas traballando na rúa para mellorar o noso concello, escoitando á veciñanza e traballando para ela”, indica Marta Grandal, responsábel local do BNG, “temos moito traballo de cara ás vindeiras eleccións municipais para chegar a acadar un cambio no noso concello e que siga medrando o BNG, ademais de traballar para chegar a conseguir unha presidenta galega e poder transformar o noso país, fai falta un cambio de rumbo no país para que poidamos vivir mellor”.
Na Asemblea fíxose mención tamén aos membros que dan un paso ao lado, que estiveron até o de agora no consello local e a partires de aquí traballarán desde a asemblea e desde as distintas comisións.