O BNG de Ferrol presenta 40 enmendas aos orzamentos para 2025

Iván Rivas, portavoz do BNG de Ferrol, deu conta das emendas ao documento de orzamentos municipais do goberno do PP para o ano 2025. Un documento que recolle 40 enmendas que teñen como obxectivo reorientar a política económica da cidade facéndoa máis equitativa, xusta e adaptada ás necesidades reais da veciñanza.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinalou que «as 40 emendas rexistradas polo BNG ao documento orzamentario susténtanse sobre tres eixos fundamentais»:

1. «Desenvolver unha política fiscal equitativa na que rematemos cos privilexios de empresas privadas ou mesmo de entidades públicas como A. Portuaria ou Ministerio de Defensa. Empresas e entidades que a día de hoxe non están a participar dos ingresos municipais nin a contribuír a sufragar as necesidades da cidade».

«Uns ingresos próximos aos 4,2M de euros derivados de: o acordo plenario para exixir ao Mº de Defensa unha compensación por valor de 1M de euros, o abono de 0,9M de euros relativo ao IBI de características especiais do Peirao Exterior, o ingreso de 1,5M de euros, a razón de 0,3M/ano desde 2018 que, en virtude da última auditoría realizada, a empresa xestora da recollida de lixo debería realizar ao concello e por último a devolución dos 0,8M de euros cobrados demais á veciñanza no recibo de SOGAMA durante o ano 2023″.

«Deste modo poderiamos desenvolver, unha política fiscal adaptada á realidade socio económica da cidade onde se teña en conta o incremento do custe da vida mediante bonificacións fiscais en favor das maiorías sociais da cidade».

2. «Resolver os problemas máis urxentes de mantemento de infraestruturas da cidade para así rematar co estado de abandono das instalacións municipais e a política de austeridade».

Así, desde o BNG «consideramos prioritario resolver os problemas máis inmediatos e dar cobertura ás necesidades máis básicas, actuando sobre as instalacións, edificacións e o patrimonio actualmente abandonado, previamente á realización de anuncios de propostas para mandatos futuros que nunca se efectivizan mentres o estado de deterioro das instalacións actuais avanza».

Entre outras propostas «propomos incluír fondos para a reparación de beirarrúas, a rehabilitación do Mercado de Recimil, a rehabilitación da casa e Carvalho Calero ou mesmo a reforma e reparación das instalacións deportivas da cidade como a piscina de Caranza».

3. «Fortalecer a administración local coa incorporación de persoal ao cadro de persoal municipal no canto de contratar asesores e persoal directivo ao servizo do Alcalde e reducindo o gasto en privatizacións».

O BNG neste apartado presenta propostas «para reducir o gasto en horas extras ou a supresión dos postos de Persoal Directivo en aplicación da lei de Grandes cidades, de tal xeito que con eses recursos se acometa a incorporación de novos postos de traballo na administración local así como o reforzo dos servizos básicos municipais».

Lea también

El tiempo ayudó a que la Cabalgata de los Reyes Magos pudiese recorrer las calles de Ferrol

Se temía lo peor. Nadie apostaba porque Sus Majestades los Reyes Magos pudiesen acudir a …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *