Cedeira solicita á Diputación subvencións para emprego e promoción económica

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou na súa última sesión de 2024 solicitar á Deputación da Coruña subvencións por un importe de máis de 117.000 euros para a creación e mantemento de emprego e para o desenvolvemento de actividades de promoción económica. A administración local acóllese, como en anos anteriores, aos programas provinciais para limpeza de praias e o servizo de atención turística, entre outros.

Un destes programas de axudas convocado pola Deputación é o de limpeza de praias. O Concello de Cedeira acordou presentar a solicitude para custear a través del o 100% da contratación dunha cuadrilla de catro peóns, que traballarán durante tres meses na campaña de verán a media xornada. O custo das súas retribucións é de 16.498,74€ que, en función das bases da convocatoria provincial, poderá ser cuberto ao 100% a través destas subvencións.

Tamén concurrirá o Concello de Cedeira un ano máis ao programa PEL Concellos 2025, dirixido a fomentar a contratación de persoas con especiais dificultades de inserción laboral. Solicítanse neste caso 46.000€ para cubrir máis do 90% do custo de crear tres empregos de peón e un de limpador/a, con xornada completa e durante seis meses. O importe laboral total é de 50.223,42€.

A Xunta de Goberno de Cedeira aprobou igualmente acollerse ao programa provincial para o mantemento de persoal nas oficinas de turismo de localidades con menos de 50.000 habitantes.

Así, neste caso solicítanse 20.000€, o máximo establecido na convocatoria, para sufragar parte das retribucións dunha informadora turística a xornada completa, que ascenden a 40.911,90€ ao ano.

Na mesma sesión acordouse tramitar un ano máis a axuda para a contratación de persoal técnico deportivo. Pídense neste caso 5.000€ para sufragar unha xornada completa durante seis meses, cuxo importe total é de 18.135,48€.

A estas axudas directamente vencelladas coa creación ou o mantemento do emprego engádese outra ligada á promoción económica. Así, o goberno local de Cedeira acordou acollerse a outra convocatoria da Deputación da Coruña para pagar preto do 78% do investimento de 38.000€ realizado na campaña de Nadal, incluída a decoración, a publicidade, a contratación de actuacións musicais e a carpa para as festas, así como a cartelería e as rifas do sorteo de dinamización do comercio local.

Lea también

Sequeiro toma el relevo como sede de la XXII Muestra de Asociaciones de Valdoviño

Está organizada por las entidades vecinales, culturales y deportivas, con la colaboración del Ayuntamiento y …