A orquestra Finisterre anima en Cedeira a festa de aninovo

Este martes, 31 de decembro, desenvolverase a carreira popular de Nadal, na que prima o bo humor e á que moitas persoas adoitan ir disfrazadas.

O Nadal en Cedeira segue adiante coa súa programación de festas pensadas para toda a familia. O Polideportivo Municipal, no que está un ano máis instalado un parque de xogos de entrada gratuíta, ofrecerá esta tarde unha atracción de realidade virtual especialmente pensada para que a mocidade viva divertidas e emocionantes experiencias inmersivas.

O parque de xogos abre polas tardes, de 16.30 a 20.30 horas, agás o 31 e o festivo do 1, ata o vindeiro 4 de xaneiro. Co novo ano virá, o día 2, o xogo Interactive Super Grip, que permanecerá tamén nas seguintes tardes, ata o sábado 4. A proposta do Polideportivo incorporouse con éxito xa hai varios anos á oferta de ocio de Nadal en Cedeira e desta volta, de novo, está a contar cunha alta afluencia de xente, maiores e pequenos, tanto da propia localidade como da contorna, que atopan unha forma de pasalo ben nun espazo grande e a cuberto.

Na despedida deste 2024, Cedeira volve celebrar a súa San Silvestre, unha carreira popular non competitiva, na que prima o bo humor e á que moitas persoas adoitan ir disfrazadas. Será este martes, día 31, con saída ás 11.30h desde a praza Roxa. O percorrido irá pola avenida da Madalena á beira da praia e regresará despois para rematar na praza Roxa. Desde o Concello informan de que ao finalizar haberá avituallamento para as persoas participantes. Non é precisa a inscrición previa.

Repite tamén o Concello de Cedeira na organización dunha gran verbena para celebrar a entrada nun novo ano. A praza Roxa acollerá a carpa e o escenario no que actuará a orquestra Finisterre a partir da unha da mañá, aproximadamente, nunha festa que se prevé ateigada de xente e animada como en ocasións anteriores.

Cómpre sinalar que haberá outra verbena, a de Reis, que se celebrará na noite entre o sábado 4 e o domingo 5 de xaneiro. Será no mesmo lugar, na praza Roxa, e contará coa animación da orquestra Fania. Recórdase tamén que na tarde do 5 de xaneiro será a cabalgata de Reis, que como é tradición fará parada no Auditorio Municipal para recoller as cartas dos nenos.

Melchor, Gaspar e Baltasar realizarán logo o seu percorrido pola vila e acudirán para rematar ao CEIP Nicolás do Río, onde haberá unha merendola, con chocolate e o típico roscón de Reis, e xogos para a cativada.

Lea también

Reconocidos ilustradores dibujan de formar sincrónica en las siete salas de «Simultánea»

Flavita Banana, Siro, David Rubín, Abi Castillo, Luis Davila, Iria Fafián y Nana estarán el …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *