A entidade provincial aporta 48.000 euros para cofinanciar as actividades realizadas por ambos proxectos no 2024, con base no Campus industrial de Ferrol da Universidade da Coruña.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, asinaron o convenio de colaboración para o financiamento dos proxectos Green Power e First Lego League, cuxas actividades se desenvolveron en 2024 no Campus Industrial de Ferrol. O orzamento total desta programación é de 60.000 euros, do que a entidade provincial aporta un 80% dos fondos.
Por unha banda, apóianse as propostas realizadas ao longo deste exercicio ao abeiro do proxecto Green Power, que consistiron no desenvolvemento dun vehículo a partir do kit desta iniciativa na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), o desenvolvemento de actividades formativas e de visibilización, ou a posta en marcha de carreiras.
Ademais, fináncianse as actividades realizadas con relación á First Lego League 2024, un programa de ámbito internacional que desafía á mocidade a resolver problemas do mundo real relacionados con temas como a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables.
Neste senso, o Campus industrial de Ferrol acolleu este ano a décima edición do evento a nivel galego, na que participaron un total de 43 equipos e máis de 300 mozos. No 2025, ademais de celebrar este certame, acollerá no mes de marzo a final estatal.